A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro luns 16 de setembro abrirase o prazo para inscribirse nas “DEPOrte Escolas” 2019/2020, “o programa deportivo gratuíto da institución, do que o ano pasado gozaron máis de 10.000 nenas e nenos, e que permite que este curso haxa escolas deportivas en ata 51 concellos da provincia, en moitos casos, as únicas que hai nos concellos”.
“DEPOrte Escolas” é o programa deportivo da Deputación de Pontevedra en colaboración e coordinación coas federacións deportivas para contribuír ao desenvolvemento e fomento da actividade deportiva de nenas e nenos en idade escolar.
Silva subliñou que “grazas a este proxecto as nenas e nenos da provincia, vivan onde vivan, poden ter os mesmos dereitos” e engadiu que “o deporte é unha actividade que se está a converter nun servizo fundamental e nun dereito, e nós temos moi claro que a nosa aposta polas ‘DEPOrte Escolas’ é unha aposta por garantir a igualdade de oportunidades para todas as nenas e nenos da provincia e por que haxa servizos que satisfagan as demandas da cidadanía en todo o territorio”.
Para este curso 2019/2020 os deportes que a Deputación ofertará de maneira totalmente gratuíta son atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol, judo, loita, patinaxe, piragüismo, rugby e taekwondo. A actividade arrancará o 7 de outubro.
A solicitude de inscrición deberá realizarse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal).
Para rematar, Carmela Silva puntualizou que “desde que chegamos ao Goberno as escolas deportivas teñen un principio básico que é a equidade. Todo regúlase con bases e criterios obxectivos. Non hai escolas deportivas que teñan máis apoio en función do concello onde estean; é dicir, damos un trato igualitario a toda a provincia”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.