Desde hoxe, 4 de febreiro, e ata o día 22, as entidades sociais da provincia que desexen sumarse ao programa “En ruta coa Depo” 2019 poderán presentar a súa solicitude, por vía telemática, para participar nesta iniciativa que permite percorrer diferentes lugares de Pontevedra. En total, este ano o goberno de Carmela Silva oferta 20.000 prazas e 32 rutas.
En liñas xerais, o programa, ao que a institución provincial destina 365.000 euros, oferta 20.000 prazas distribuídas nas 32 rutas para coñecer diferentes lugares da provincia de Pontevedra. Por terceiro ano consecutivo haberá 400 prazas de balde para persoas con dificultades económicas ou risco de exclusión social. Ademais o programa inclúe o servizo dunha persoa como guía durante o transcurso da ruta, o xantar e o transporte.
Cada entidade social da provincia pode solicitar, por orde de preferencia, tres rutas das 32 propostas, sinalando o mes e o día da semana preferidos para a súa realización. As 32 alternativas ofertadas agrúpanse en rutas temáticas, culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.
“En ruta coa Depo” ten por finalidade crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, o programa pretende impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable. Por outra banda, “En ruta coa Depo” tamén oferta rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais, así como o intercambio de experiencias e fomento da convivencia.
Ademais, “En ruta coa Depo” pretende dar a coñecer diferentes lugares de interese da provincia para promover o envellecemento activo e dar a coñecer os recursos turísticos da provincia para que a cidadanía os coñeza, se poida sentir orgullosa deles e adquira novos valores de respecto ao entorno natural da provincia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.