Desde hoxe venres, as persoas interesadas poden inscribirse na sesión de networking “LuscoFuscoNetworking” que se vai desenvolver no viveiro de Lalín o vindeiro 11 de abril. Trátase dunha xornada de portas abertas coa que a Deputación de Pontevedra pretende dar a coñecer polo miúdo o viveiro e compartir experiencias con profesionais con inquedanzas emprendedoras.
Ademais desta sesión tamén vai ter lugar outra posteriormente en decembro.
O programa comezará a partir das 20:00 horas cunha visita guiada polas instalacións do viveiro. Despois haberá unha presentación do plan de dinamización do viveiro e a sesión rematará cun pincho networking. Para inscribirse na xornada hai un formulario de inscrición dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.
Esta actividade forma parte do actual II Plan de Acción para o Viveiro de Lalín, un proxecto de promoción e dinamización das instalacións que busca potenciar o viveiro para convertelo nun elemento clave de apoio ao emprendemento e ao desenvolvemento económico da comarca de Deza. O obxectivo é converter o viveiro de Lalín nun espazo de intercambio de experiencias e ideas, nunha comunidade creadora e innovadora na que se aposte polo traballo colaborativo.
“LuscoFuscoNetworking” forma parte do amplo programa provincial de actuacións deste ano nas instalacións de Lalín, no que tamén están o programa de habilidades directivas e de participación dirixido a persoal directivo, o programa “Emprendemento chanzo a chanzo”, a iniciativa “PorcoLab: laboratorio de emprendemento social” para alumnado universitario e de ciclos formativos e persoas emprendedoras ou a sesión de traballo “Viveiro 2020”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.