A Deputación busca persoas de gran solvencia e experiencia contrastada para a dirección do Museo

As bases que rexen este convocatoria serán publicadas mañá no BOPPO e o prazo de presentación de propostas será de 30 días hábiles
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación busca persoas de gran solvencia e experiencia contrastada para a dirección do Museo

“Neste proceso somos realmente ambiciosos, pretendemos que as persoas que se presenten vaian ao máximo, que veñan xa con experiencia demostrada, e estamos convencidos de que o Museo de Pontevedra ten o suficiente atractivo para que este proceso saia ben, e que a convocatoria non quede deserta” asegurou esta mañá César Mosquera. O vicepresidente da Deputación e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, compareceron ante os medios para anunciar que as bases que regulan a convocatoria para cubrir a dirección do Museo sairán publicadas mañá no BOPPO, polo que o prazo de presentación de propostas iniciarase o xoves 31 de xaneiro e rematará en 30 días hábiles.

Coa publicación da convocatoria ábrese un proceso que Mosquera cualificou reiteradamente como “ambicioso” e que desembocará na elección da persoa que pasará a ocupar a praza de dirección do Museo. “Nas bases xa se ve claramente que se busca unha persoa coa máxima experiencia contrastada, con solvencia, xente que xa teña dirixido museos ou escolas de artes, e que calquera período de demostración xa o traia feito” afirmou o vicepresidente. Así, as bases que rexen a convocatoria establecen que a selección se levará a cabo en atención aos principios de mérito e capacidade, e a criterios de idoneidade, competencia e experiencia.

Neste sentido, Xosé Leal explicou que se valorará que as persoas que se presenten cumpran cos requisitos de formación, os méritos acreditados e, sobre todo, “a memoria que cada persoa presente e na que recolla o modelo que quere para o Museo en base a cuestións como a compoñente de xénero ou o proceso de musealización dos edificios pechados”. O deputado asegurou que “tendo en conta que o Museo ten unha longa traxectoria investigadora, tamén se valorará que as persoas que se presenten acrediten este aspecto, como por exemplo con doutoramentos e publicacións”. Ademais, para optar a esta praza será preciso contar coa condición de funcionaria ou funcionario ou laboral fixo do grupo A1 e posuír o título de licenciatura ou grao en Historia da Arte, Belas Artes ou calquera outra disciplina análoga relacionada coas humanidades. O deputado tamén sinalou como un punto fundamental “as novas tecnoloxías e as novas formas de expresión artística, porque entendemos que un Museo como o de Pontevedra ten que ter capacidade para incorporar e dar cabida a estes aspectos”. Por último, informou que o órgano técnico de valoración “estará conformado por funcionarios de Cultura, Persoal e Secretaría”. Concretamente as bases recollen como membros deste tribunal ao secretario da Deputación, ao xefe de Servizo de Cultura e Lingua, e á xefa do Servizo de Recursos Humanos e Formación.

Tanto César Mosquera como Xosé Leal insistiron en que o Museo de Pontevedra ten unha traxectoria moi elevada dentro do panorama museístico e que con este proceso o que se pretende é “mellorala e actualizala”. O vicepresidente tamén anunciou que “de cara ao próximo mandato realizaremos un esforzo importante de dotación de medios para que a persoa de dirección poida desenvolver o seu proxecto”.

Xefatura administrativa

Ademais da praza de dirección, e no camiño de avanzar na profesionalización do Museo, Mosquera e Leal anunciaron que o próximo día 1 de febreiro se incorporará á xefatura administrativa Sonia Mateos, á que cualificaron como “unha persoa da casa, de solvencia totalmente contrastada”. César Mosquera lembrou que houbera anteriores intentos de cubrir esta praza que fracasaran por falta de experiencia, mentres que Sonia Mateos xa ten unha traxectoria demostrada primeiro no Centro Príncipe Felipe, e actualmente no Servizo de Mobilidade.

“Tratase de contar cunha persoa que se ocupe da carga administrativa que cada vez é maior nas institucións, de xeito que cando entre a persoa de dirección se poida centrar na dirección exclusivamente artística” asegurou Xosé Leal.

Currículum, méritos e proxecto

Na valoración do currículum, as bases estipulan que se terán en conta os coñecementos académicos adquiridos; a formación técnica especializada en museoloxía, xestión e administración de centros museísticos ou no campo da xestión e das actividades de institucións culturais relacionadas coas funcións que se vaian desempeñar; a experiencia profesional en atención á natureza, complexidade e nivel de responsabilidade dos postos desempeñados, sempre que garde relación co contido e as funcións do posto convocado; o coñecemento de idiomas; e o proxecto de dirección e organización do Museo de Pontevedra.

Para acreditar a idoneidade, as bases establecen que se terá en conta posuír a capacidade funcional para o desempeño do posto e ter exercido funcións de dirección, xerencia, xestión, coordinación ou programación de museos, centros de Arte ou escolas de Formación Artística regulada durante un período mínimo de dous anos; acreditar amplos coñecementos en historia, museoloxía e artes en xeral; acreditar coñecementos e experiencia no desenvolvemento de proxectos con incidencia das novas tecnoloxías e dos novos medios de creación artística; acreditar experiencia no desempeño de postos de responsabilidade no ámbito da cultura así como no establecemento de relacións institucionais a nivel nacional e internacional; acreditar experiencia na dirección e coordinación de equipos de traballo multidisciplinares, ter habilidades comunicativas e de planificación; ter demostrado formación e capacitación, preferentemente doutoramento, na realización de traballos de investigación, traballos científicos, publicacións ou comisariados relacionados; e acreditar o coñecemento do idioma galego falado e escrito.

Sobre o proxecto de dirección, as bases recollen que a persoa debe expoñer as principais liñas de actuación que levará a cabo de resultar designada ou designado, e que deberá incidir nun enfoque transversal de xénero en canto ás coleccións propias, as futuras adquisicións e a programación de mostras temporais. Tamén deberá contemplar a musealización e reapertura da totalidade dos edificios cos que conta o Museo.