A Deputación celebra un acto conmemorativo para poñer en valor a vixencia do legado de Castelao

Terá lugar o 30 de xaneiro no Sexto Edificio e presentarase a primeira edición fascimilar ‘perfecta’ dos Albumes de Guerra de Castelao, nunha edición especial da Editorial Galaxia
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra

A Deputación celebra un acto conmemorativo para poñer en valor a vixencia do legado de Castelao

A presentación pública da edición fascimilar dos tres Albumes de Guerra de Castelao, realizada pola Editorial Galaxia a partir das láminas orixinais, será un dos principais atractivos do acto conmemorativo que a Deputación celebrará o vindeiro mércores 30 de xaneiro no Sexto Edificio. Este acto foi deseñado baixo o epígrafe ‘ A vixencia do legado de Castelao na conmemoración do seu nacemento’, e foi presentado esta mañá polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e pola investigadora Diana Vilas na Sala Castelao do Museo, precisamente onde se expoñen as láminas orixinais dos albumes de Guerra. “Dunha banda queremos poñer en valor os fondos sobre a obra de Castelao cos que conta este Museo, que son os máis numerosos e os máis importantes do rianxeiro, que ademais é un galego de nación que entendeu a importancia do compromiso da arte coa sociedade, e pensamos que nós que somos os seus herdeiros debemos manter vivo o seu legado”.

No acto conmemorativo do mércores 30 participarán a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o escritor Xesús Alonso Montero, que foi o encargado de elaborar un estudo crítico que acompaña a edición fascimilar, e a investigadora Diana Vilas. Tras as intervencións, que terán lugar na zona acristalada da planta baixa do Sexto, servirase na zona da terraza un petisco co menú elaborado polo alumnado do CIFP Carlos Oroza, recreando o menú servido nunha cea no Casino de Pontevedra en 1918 e que fora ilustrado por Castelao. Sobre esta colaboración co Carlos Oroza, Xosé Leal salientou que “tamén quixemos dar cabida deste xeito á relación que estableceu Castelao coa propia cidade de Pontevedra”, e lembrou que o rianxeiro ilustrara os menús a petición do presidente do Casino pero non participara na cea por consideralo elitista e por ser unha entidade na que “súa nai, co pano á cabeza, non podería entrar”. “Unha mostra máis”, segundo Leal, “do seu compromiso e da defensa da muller rural”. O deputado tamén apuntou como obxectivo xeral deste acto “ofrecer novas visións da obra de Castelao e novas maneiras de facelo chegar á sociedade”. Este acto, que terá lugar ás 19:30h, está aberto ao público xeral ata completar aforo (máximo 100 persoas).

A primeira edición fascimilar perfecta

“Esta é a primeira edición fascimilar perfecta que se fai dos Albumes de Guerra e é a primeira vez na historia que se volven publicar tal e como eran nos orixinais” asegurou Francisco Castro. O director xeral da Editorial Galaxia aclarou que isto foi posible grazas á colaboración do Museo de Pontevedra, que foi a institución que lles proporcionou os orixinais dixitalizados para esta edición especial. A mencionada edición consta dun estoxo que inclúe os tres albumes, “Galicia mártir’, ‘Atila en Galicia’, e ‘Milicianos’, e un estudo do escritor Xesús Alonso Montero titulado ‘Tres páxinas excelsas da plástica cívica. O Guernica galego de Castelao (e outras estampas)’. “Desde a Editorial Galaxia somos conscientes da importancia de toda a obra de Castelao e nun momento coma este, no que semella haber voces que cuestionan a Memoria Histórica, é a nosa obriga e tamén a das institucións difundir este legado” asegurou Francisco Castro.  A Editorial Galaxia realizou unha primeira impresión destes estoxos especialmente para a Deputación de Pontevedra e, cara a finais de ano, ten previsto realizar unha segunda tiraxe que sacará ao mercado.

Pola súa banda, a investigadora Diana Vilas – que xa colaborara en proxectos conxuntos coa Deputación como foi a edición da unidade didáctica sobre Castelao no ano 2016-, salientou que “aínda hai moitas liñas de investigación abertas e inconclusas sobre a obra gráfica de Castelao”. A investigadora centrará a súa achega ao acto conmemorativo do vindeiro mércores “nas notas de carácter artístico que dotan de modernidade a estes albumes e que ofrecen unha concepción patética da guerra, renunciando á concederlle a condición de espectáculo e posicionándose do lado das vítimas”. Diana Vilas tamén analizará aspectos como “a presenza da muller na guerra, non só como vítimas senón tamén como mulleres que encabezan a loita, como é o caso da estampa ‘Arenga”. Avanzou que tamén falará das estampas como “espazos de reflexión sobre as causas, as consecuencias e a responsabilidades derivadas da guerra, o que dá pé a facer unha lectura universal da súa obra”. Por último, apuntou cuestións aínda pendentes de recoller como “un estudo transversal sobre a concepción das mulleres ou dos nenos e nenas na súa obra”.