A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, clausurou esta mañá a edición correspondente ao curso 2018-2019 do proxecto “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na Eso“, impulsado pola institución provincial para o fomento da cultura emprendedora. “Educar en valores, en cultura emprendedora e no cumprimento dos soños é o que está detrás deste proxecto”, destacou Silva.
Durante o acto de clausura, no que a rúa do Príncipe se transformou nun mercado para a venda dos produtos elaborados polas 20 cooperativas escolares que crearon ao longo do curso, tivo lugar a entrega de diplomas acreditativos ao alumnado participante no proxecto. Así, con ao redor de 400 nenos e nenas que encheron a céntrica rúa viguesa, a presidenta da Deputación felicitou aos 16 centros educativos que formaron parte da iniciativa neste curso pertencentes aos concellos de Pontevedra, Cambados, O Grove, Vigo, Tui, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Moaña, Cangas, Redondela, Bueu e Meaño. “É sorprendente escoitalos falar, hai moito talento e futuro entre estas rapazas e rapaces, todas elas e todos eles fixeron un extraordinario traballo creando unha cooperativa onde aprenderon cal é todo o procedemento para crear unha actividade económica”, asegurou Carmela Silva, e engadiu que “o máis importante é que tamén aprenderon que hai que ter responsabilidade social corporativa, que o beneficio non pode ser exclusivamente económico senón que tamén ten que ser social”.
Neste eido, a presidenta provincial tamén fixo fincapé na importancia de comprar os produtos que as rapazas e rapaces tiñan á venda xa que “unha parte moi importante dos recursos que reciban serán para actividades que teñen que ver co apoio a colectivos de todo tipo que así o precisan”. Amais do alumnado, Carmela Silva tamén enxalzou o traballo das mestras e mestres, amosando o seu “inmenso” agradecemento, “que orgullo de profesionais da educación temos nesta provincia”.
Pola súa banda o alcalde de Vigo amosou a súa satisfacción por recibir en Vigo a todas e todos os participantes, “é un orgullo que esteades aquí para facer unha aprendizaxe da mestura de iniciativa, de cooperación e do altruísmo dedicando os fondos a ONGs”. Amais, Caballero tamén lle dedicou unhas palabras, tanto ás rapazas e rapaces, como ás profesoras e profesores, asegurando que “con esta acción, con esta actividade e o voso aprendizaxe, e coas profesoras e profesores, facedes a familia do ensino. Sodes os mellores e as mellores do mundo”, concluíu.
Este curso 2018-2019 participaron no programa “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na ESO” os centros educativos CEE Príncipe Felipe (Pontevedra), CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), CEIP As Bizocas (O Grove), CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados), CEIP García Barbón (Vigo), CEIP Plurilingüe nº1 de Tui (Tui), CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), CEE Vilagarcía de Arousa (Vilagarcía de Arousa), CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES de Rodeira (Cangas), IES Luis Seoane (Pontevedra), IES Illa de San Simón (Redondela), IES Illa de Ons (Bueu), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES de Meaño (Meaño).
A iniciativa da Deputación de Pontevedra “Depoemprende na Escola” e “Depoemprende na ESO” ten por obxectivos estender a cultura emprendedora entre o alumnado de educación especial, de 5º e 6º de educación primaria, e de 3º e 4º da ESO. Para acadalo promóvese un traballo na aula que consiste na creación e xestión dunha cooperativa escolar que fabrique produtos que se venderán, unha vez ao ano, nun mercado como o celebrado esta mañá en Vigo. Deste xeito, incorpórase a cultura emprendedora no seo dos centros educativos, favorecendo o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia e á cidadanía, ou á alfabetización dixital entre o alumnado participante.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.