A Deputación de Pontevedra pretende achegarlle o importante legado arqueolóxico da provincia ao conxunto da cidadanía. Tras o éxito de “Galaicos” no Museo de Pontevedra e durante o seu paso por Madrid e Valencia, a institución trae agora ao pazo de Liñares a exposición “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, cun total de 36 obxectos arqueolóxicos e etnográficos, así como réplicas de elementos singulares para axudar a entender mellor a nosa historia.
Esta exposición pretende mostrar a progresiva pero evidente transformación da paisaxe desde a Idade de Bronce ata a actualidade. Trátase dunha exposición divulgativa na que as fotografías e as ilustracións teñen un especial protagonismo, dándolle soporte á idea de Pontevedra como territorio de intercambio cultural desde a Prehistoria ata a Antigüidade tardía.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou durante a apertura da mostra “a posición de centralidade” que xogaba a provincia de Pontevedra entre o Atlántico e o Mediterráneo. “Fomos un territorio de intercambio cultural, comercial e social con todos os pobos que interactuaron na Ruta dos Fenicios”, afirmou acompañada polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e outras rexedoras e rexedores da comarca de Deza.
“Pegadas na paisaxe” está concibida para promover as visitas aos castros e os xacementos de Deza, pero tamén aos centros etnográficos de todo o norte de Pontevedra. Conta con pezas en préstamo do Museo de Pontevedra, o Museo Etnográfico Casa do Patrón (Doade) e o Centro Etnográfico de Terra de Montes (Soutelo de Montes).
Unidade didáctica para escolares
Ademais, Silva explicou durante a inauguración que a mostra está acompañada dun elemento didáctico concibido para nenas e nenos de 9 a 12 anos. Ofreceranse distintos xogos para que as e os rapaces que acudan en familia ou co seu colexio poidan descubrir os contidos de maneira lúdica e profundar de xeito ameno no coñecemento da comarca de Deza e da provincia de Pontevedra no seu conxunto.
A presidenta provincial aproveitou para invitar toda a cidadanía a facer caso do lema da campaña de Turismo Rías Baixas deste ano, “Sigue o teu instinto“, e a que, despois de visitar a mostra no pazo de Liñares, aproveite para descubrir os vales e as montañas do interior da provincia de Pontevedra. As portas para gozar deste paseo pola historia estarán abertas ata o 24 de maio. A exposición é unha oportunidade para descubrir obxectos representantivos da nosa identidade e a nosa tradición, así como para recrearse coas paisaxes marabillosas que nos definen como un paraíso.
A mostra organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra estrutúrase en cinco eixes, titulados “O patrimonio de Pontevedra”, “Deza: terra de castros”, “Artefactos: pegadas no tempo”, “As pegadas na paisaxe de Pontevedra” e “O cálculo do tempo”. Os contidos céntranse nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda, Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como noutros once xacementos da provincia, coma os da Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Tegra, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo ou Toralla. Tamén permite contemplar moedas, fragmentos de cerámica, un machado, unha lasca, unha estela, unha conta de bronce, unha argola africana e a fíbula romana de Rodeiro, obxectos atopados nos distintos xacementos de Deza e pertencentes a un período que abarca desde o 1.500 a. n. e. e o século VI.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.