A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un ambicioso investimento de ata 5,8 millóns de euros en infraestruturas na provincia que, como destacou hoxe a presidenta, Carmela Silva, revalida a plena aposta da Administración provincial pola dotación de recursos para seguir desenvolvendo o seu modelo de mobilidade segura e a posta en marcha de proxectos que axuden á reactivación da economía trala pandemia. Neste senso, Silva fixo fincapé en que “a reconstrución económica ven da man de que haxa investimentos públicos para que poida haber obras”, e tamén no feito de que a Deputación “non deixou de traballar durante o confinamento para que todos os proxectos puideran saír inmediatamente a contratación en canto se retomaron os prazos”.
“Non só tiñamos desde esta Administración que aportar recursos para paliar as consecuencias da COVID-19, senón que tiñamos que estar preparadas para a reconstrución da economía –destacou-. E se hai obras, as empresas traballan. Se as empresas traballan, se crea ou se mantén o emprego. Polo tanto, dixo, imos destinar millóns de euros de investimento en obras que nos permitan seguir a desenvolver un modelo de infraestruturas que tamén é de apoio á economía, poñendo recursos nesas políticas keynesianas que teñen un efecto multiplicador sobre a economía”.
Deste xeito, na Xunta de Goberno aprobarase o Plan Móvese 3, cun investimento de 2,5 millóns de euros e vai permitir executar ata 500 obras en 54 concellos da provincia. A presidenta lembrou que este plan representa o modelo de mobilidade e seguridade viaria na provincia, “co que nestes anos de goberno nos temos convertido nunha grande referencia a nivel nacional e internacional, incluso con premios e recoñecementos pola aposta por outro modelo de espazo público e outro tratamento das infraestruturas viarias cos principios de mobilidade segura, accesibilidade e seguridade viaria”. Co novo investimento de 2,5 millóns, o Plan Móvese suma xa 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde a súa posta en marcha no ano 2016.
O Goberno tamén aprobará outro investimento de ata 2,2 millóns para actuacións nos firmes das estradas provinciais. Deste xeito, adxudicarase por máis dun millón de euros o contrato de obras de conservación de firmes da Zona A, que corresponde ás estradas provinciais dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. Así mesmo, se levará á sesión da Xunta a aprobación do proxecto para a zona C, que corresponde ao Deza e Terra de Montes, por 1,1 millóns de euros para as estradas provinciais que transcorren por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis. A presidenta da Deputación explicou que este contrato estaba adxudicado á empresa Nexia, pero trala entrada en crise da firma a institución provincial veuse na necesidade de aprobar un novo proxecto “e volver licitalo para que outra firma se poida facer cargo desta zona”. Aclarou que mentres non se resolve este concurso a Deputación seguirá “actuando con medios propios nesta área da provincia”. No resto das zonas da provincia, os contratos xa están adxudicados “e se están executando as renovacións de firmes”.
Ademais, o Goberno provincial aprobará tamén outros tres proxectos de recuperación do espazo público e de mobilidade segura por preto de 1,1 millóns de euros, destinados aos concellos das Neves, Moaña e Cerdedo-Cotobade. No que se refire ao primeiro destes municipios, trátase do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial Setados-Ribarteme-Vide, no que se investirán preto de 336.000 euros. No caso de Moaña, aprobarase un convenio entre a Deputación e o Concello para a recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, cun orzamento de cerca de 700.000 euros “e vai permitir mellorar o estado actual do firme, garantir a accesibilidade e crear un espazo onde os peóns van ter a prioridade”. E para Cerdedo-Cotobade, aprobarase unha addenda que completará a mellora do núcleo da Chan xa iniciada no 2018 pola Deputación. “Xa fixeramos a maioría da obra, pero quedaban 200 metros de estrada pendentes de reestruturar e imos abordalo”, explicou a presidenta. O orzamento é de cerca de 42.000 euros.
Todo listo no avance cara á nova normalidade na Deputación de Pontevedra
O Goberno de Carmela Silva ten xa todo en marcha para a progresiva recuperación cara a nova normalidade na Deputación de Pontevedra. “Somos unha administración referencial”, asegurou Carmela Silva, quen se amosou orgullosa e satisfeita do “inxente traballo” desenvolvido, para garantir que a partir do vindeiro luns comece o proceso progresivo de recuperación, que afecta tanto á organización interna do traballo como á atención ao público. Deste xeito, o 1 de xuño, aínda que se seguirán recomendando os medios telemáticos, se reabrirá a atención presencial ao público, a través dun sistema de cita previa, e comezará de forma progresiva a reincorporación do persoal traballador da institución provincial.
O plan, segundo detallou a presidenta, inclúe cuestións relativas á organización do traballo, itinerarios e percorridos a realizar nos diferentes espazos da Deputación, delimitación de fluxos de movemento e uso de espazos e atención ao público. Trátase dun programa progresivo que se irá modificando en función da evolución da realidade e das normas que vaian aprobando as diferentes administracións, sempre atendendo á saúde e seguridade das persoas.
En canto ao persoal, que fichará ben con tarxeta (pero sen pegada dactilar para evitar contaxios) ou a través do ordenador, comezará a reincorporarse este próximo luns. Neste eido, o Goberno provincial, en colaboración cos sindicatos, determinou diferentes modalidades de traballo ( presencial, en remoto, parcialmente remota ou mixta). Tamén cuestións relativas á flexibilización do horario de traballo, para evitar aglomeracións nas entradas e saídas, establecemento de quendas rotatorias, e fluxos de movemento a través de planos que determinan os percorridos de entrada e saída a realizar. Ademais, estudáronse os espazos públicos e oficinas de todos os edificios para garantir a distancia de dous metros de seguridade que, de non ser posible, contarán con anteparos de separación.
No interior das dependencias da Deputación de Pontevedra intensificaranse as medidas de hixiene, limpeza e desinfección e todo o persoal contará con medidas de protección individual: máscaras, luvas e xel hidroalcohólico. “Temos xa todo ese material para un ano”, asegurou a presidenta.
No que respecta á atención ao público, tamén recupera desde o luns o xeito presencial, aínda que cun sistema de cita previa a través da sede electrónica da Deputación. Trátase dun sistema, destacou Carmela Silva, “moi sinxelo, parecido ás citas médicas que pedimos por Internet”, que asigna día e hora dentro dos tramos escollidos polas persoas usuarias. Neste eido, recordou que o sistema de cita previa tamén se está a aplicar nos concellos da provincia, “grazas aos recursos da Deputación e ao proxecto de administración electrónica que temos espallado pola provincia”.
Independentemente de que continuará a atención telefónica e telemática da veciñanza, as persoas que acudan ás dependencias da Deputación de Pontevedra atoparanse, tal e como detallou a presidenta, con “medidas de seguridade moi exhaustivas”. Terán que acudir con máscara, de xeito obrigatorio, e pasarán por alfombras de desinfección do calzado e controis de medición de temperatura. Unha vez nos edificios, as persoas usuarias terán á súa disposición atención personalizada que as dirixirá ao lugar ao que queren encamiñarse garantindo o cumprimento das medidas de seguridade.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.