A Deputación de Pontevedra aproba unha subvención de 154.000 euros ao Concello de Vilagarcía para obras de seguranza na curva da Golpelleira

Os traballos incluirán o ensanche da calzada, o recuado dun muro de contención e a demolición dunha vivenda
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Vilagarcia

A Deputación de Pontevedra aproba unha subvención de 154.000 euros ao Concello de Vilagarcía para obras de seguranza na curva da Golpelleira

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión dunha subvención de 154.218 euros ao Concello de Vilagarcía para a realización de obras de seguridade no perigoso punto coñecido como a curva da Golpelleira, que da acceso ao barrio da Torre. O devandito presuposto corresponde a un remanente da obra de humanización da praza de Galicia e un tramo de Padre Feijóo, que fora subvencionado ao Concello de Vilagarcía cunha axuda da Deputación de 353.593,18 euros correspondente ao Plan Concellos 2017. O Concello solicitou que a cantidade pendente de aplicar se puidese empregar no financiamento destas novas obras, que teñen un prazo de execución de tres meses.

A intervención prevista consistirá no ensanche da calzada, fundamentalmente no perigoso punto da curva da Golpelleira, e comprende o recuado dun muro de contención de terras que actualmente presenta risco de desprendemento de terras, polo que se pretende repoñer este muro respectando a aliñación prevista na ordenación para conseguir así ampliar a rúa.

Tamén se levará a cabo a demolición da casa que nestes momentos dificulta o acceso e ensanche do viario, así como a dotación dun novo acceso á parcela afectada, a canalización do tendido eléctrico, instalación de luminarias, construción de beirarrúa e a pavimentación da calzada nunha das súas marxes.