A praza de abastos de Bueu acolleu hoxe a segunda parada da cuarta edición do programa “Degusta Europa” que a Deputación de Pontevedra está a organizar estas semanas para impulsar a vangarda e innovación gastronómica da provincia e a excelencia dos produtos que se atopan nos mercados locais. Este ano, a iniciativa está baseada ademais na campaña de promoción turística da provincia de Pontevedra “Fame de Experiencias?” na que a enogastronomía é o eixe central.
A través de “Degusta Europa” a institución provincial ten como obxectivos poñer en valor os mercados e produtos gastronómicos das Rías Baixas, así como a formación que están a impartir centros de Formación Profesional especializados na enogastronomía como o Carlos Oroza de Pontevedra e o Manuel Antonio de Vigo. Do mesmo xeito, “Degusta Europa“, tamén pretende converter á gastronomía nun elemento de relación entre os países europeos.
No caso de Bueu, o CIPF Carlos Oroza foi o encargado das elaboracións gastronómicas na praza de abastos. Así, o alumnado mercou na praza os produtos necesarios para preparar o menú, que prepararon in situ a modo de show cooking no mercado. En concreto, os produtos que elaborou o centro Carlos Oroza foron mexillón ao azafrán, ensalada con peixe escabechado, tarta de queixo galego con marmelada de mazá e, para beber, o cóctel Crimean e o Durazno.
A seguinte parada de “Degusta Europa” terá lugar mañá, en Pontevedra, e tamén a cargo do alumnado do CIPF Carlos Oroza. A próxima semana será o centro Manuel Antonio quen lle tome o relevo para a preparación das degustacións gastronómicas que terán lugar o mércores, na praza de abastos de Baiona, o xoves na praza de abasto da Guarda e o venres no mercado do Progreso de Vigo.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.