A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída á segunda edición do espectacular “DepoDesafío” 2019

A esixente competición deportiva, que abrirá este xoves o prazo de inscrición, volverá a contar con cinco probas “moi potentes” en cinco concellos da provincia
Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída á segunda edición do espectacular “DepoDesafío” 2019

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a segunda edición do “DepoDesafío“, a competición deportiva máis esixente da provincia cun formato no que se volverán a combinar varias disciplinas como a carreira a pé, o ciclismo BTT, a travesía a nado, o trail ou o tríatlon.

Tal e como informou hoxe a presidenta, Carmela Silva, esta segunda edición terá 5 probas, a primeira en maio e a última en outubro. “O día 4 de maio levaremos a cabo unha carreira nocturna a pé de aproximadamente 15 quilómetros en Vilagarcía de Arousa; unha proba BTT de arredor de 35 quilómetros nas Neves o domingo 9 de xuño; unha travesía a nado en Poio de 1.500 metros o primeiro fin de semana de xullo; un trail en Cuntis de aproximadamente 15 quilómetros o primeiro fin de semana de setembro; e un tríatlon en distancia sprint en Vigo durante a primeira quincena de outubro”.

Silva anunciou que “este mesmo xoves abrirase na web da Deputación de Pontevedra o prazo de inscrición para participar nesta competición”. Nesta edición 2019 “poderán participar persoas maiores de 16 anos e cada proba terá un máximo de 500 participantes” e “novamente a gañadora e o gañador da clasificación xeral serán obsequiados cun dorsal para participar na maratón de Berlín, o voo e o hotel, como conseguiron o ano pasado Ariana González e Brais Misa”. A persoa gañadora da clasificación xeral do “DepoDesafío” 2019 será a que acumule máis puntos unha vez celebradas todas as probas, tendo en conta só os 4 mellores resultados máis o bono de 50 puntos por participar nas 5 probas.

No circuíto “DepoDesafío” 2019 só haberá categoría absoluta feminina e masculina. Pola súa banda, nas probas individuais, amais da clasificación en categoría absoluta, establecerase unha clasificación en categoría sub-21 e unha en categoría veterana (40 anos ou máis). Outra das novidades deste ano é que sortearanse entre todas as e os participantes 2 paquetes da maratón Berlín e para as e os deportistas que rematen as 5 probas haberá un premio finisher.

“DepoDesafío” naceu co obxectivo de promover o deporte e a saúde, concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable, ademais de dar a coñecer as extraordinarias paraxes e vilas por onde se desenvolven.