A Deputación de Pontevedra inaugurou a súa nova sede en Vigo cunha gran festa

Segundo se manifestou na festa de inauguración da nova sede da institución na cidade viguesa encherá o Casco Vello de cor, dinamización, vangarda, música, espectáculo e cultura
Publicado por o día 30/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

A Deputación de Pontevedra inaugurou a súa nova sede en Vigo cunha gran festa

A rúa Eduardo Chao no Casco Vello de Vigo foi este venres ás 19.30 horas a inauguración da nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, “foi un evento, en palabras da presidenta, Carmela Silva, cheo de cor e imaxinación, música, luz, e danza porque queremos que a xente entenda desde xa mesmo o que vai ser esta sede: un centro de acción e de dinamización cultural, social e empresarial”. De feito a Deputación programa “un espectáculo moi vangardista, enmarcado na diferencia que sempre caracteriza as accións da institución provincial”. De feito, a inauguración contou como condutoras as actrices viguesas, Jazmín Abuín e Deborah Vukusic, “moi potentes e divertidas”.

Na visita previa cos medios de comunicación, 24 horas antes da esperada inauguración, a presidenta resumiu o espírito da nova sede: “Vai ser un espazo para a cidadanía e ao servizo do talento feminino da provincia”. Silva fixo fincapé en que as novas dependencias van ir máis alá dunha mera sede administrativa “para ter un espazo que promoverá a cultura, o talento, que apoiará a actividade económica, que estará moi preto da cidadanía e cederá os seus espazos aos colectivos”. A sede, na rúa Eduardo Chao, 17-19,  ocupará 1.465 metros cadrados, cun soto de 385 m2, un baixo de 372,14 m2, un primeiro piso de 372 m2 e un segundo de 160. “É moi amplo, con capacidade de multitude de accións que van permitir revitalizar, aínda máis, un Casco Vello que está totalmente renovado, converténdoo nun gran centro de dinamización de Vigo”.

Deste xeito, a inauguración oficial foi o “pistoletazo” de saída a unha completa axenda de actos que, ao abeiro da apertura, a institución provincial porá en marcha o próximo luns e durante toda a vindeira semana.

O luns, 3 de febreiro de 10 a 14 horas, terá lugar un showroom de SmartPeme no que se van presentar “todas as actividade que o servizo vai realizar en Vigo no 2020”, acompañada dun vídeo resumo do programa e contando coa participación de 20 empresas usuarias. Tamén asistirá un grupo de alumnado dos centros de Formación Profesional de San Miguel e Daniel Castelao, “porque cremos que hai que espertar a cultura emprendedora entre a mocidade”, explicou Silva.

O martes, 4 de febreiro de 10 a 13.30 horas, terá lugar un obradoiro para o público infantil e de primaria denominado O océano a través dos Sentidos. O obxectivo desta actividade, na que participarán un centenar de nenas e nenos da Escola Hernán Cortes e dos CEIP García Barbón e Ramón y Cajal, é “achegar o mundo mariño, concienciar sobre o respecto ao medio ambiente e a protección do mar e alertar do mal uso dos plásticos”, informou a presidenta.

O mércores, 5 de febreiro ás 19 horas, terá lugar o acto de entrega da IV edición dos Premios Sofía Novoa aos mellores Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster que inclúen a perspectiva de xénero. Pola súa banda o xoves, 6 de febreiro de 19 a 21.30 horas, terá lugar o festival de música Talento Feminino no que participarán grupos de mulleres para “amosar ás nenas que estudan en escolas de música que hai mulleres moi potentes, que hai referentes femininos neste ámbito”. Neste eido, a presidenta adiantou que “teremos, entre outros grupos, a Xoana e High Paw “.

O venres, 7 de febreiro, terá lugar un almorzo informativo cos medios de comunicación da cidade para facer balance e adiantar novas iniciativas que se van poñer en marcha. Ademais, ese mesmo día ás 13 horas haberá unha “sesión vermú”, á que van ser convidados colectivos do Casco Vello de Vigo, coa posta en valor dos noso produtos nunha degustación que vai elaborar o CIFP Manuel Antonio.

Fotos do acto previo cos xornalistas locais

Fotos da festa