A Deputación de Pontevedra inicia a súa presenza na feira Culturgal coa performance “A última cea” da artista Uxía Morán

Carmela Silva salientou que a durísima acción, que amosa á violencia e a represión contra as mulleres, “usa a cultura para mobilizar e precisamos desa conciencia”
Publicado por o día 29/11/2019 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A Deputación de Pontevedra inicia a súa presenza na feira Culturgal coa performance “A última cea” da artista Uxía Morán

Coa impactante acción artística contra as violencias machistas “A última cea”, de Uxía Morán, a Deputación iniciou hoxe a súa presenza na Feira das Industrias Culturais (Culturgal) en Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta “durísima” performance destacando que “é unha acción que usa a cultura para concienciar, para mobilizar, e que fai que se che rompa algo por dentro, porque precisamos desa conciencia”.

Silva salientou que “unha das cuestións más relevantes no ámbito da cultura é visibilizar o que as mulleres están aportando á cultura galega”. “Hai unha gran revolución cultural na nosa terra e ten nome de muller _subliñou_. Ademais son mulleres comprometidas coa igualdade, coa loita contra as violencias machistas”. E engadiu neste senso que “a cultura é ese elemento transformador que permite cambiar o mundo, e as mulleres temos que estar aí para cambiar ese mundo e melloralo. Sen dúbida, o imos facer”.

Máis polo miúdo, con “A última cea” Uxía Morán quixo facer fincapé na represión e a violencia que sufriron as mulleres na ditadura. Dunha banda, encarceradas, fusiladas, obxecto de torturas e vexacións, pero tamén vítimas da represión ideolóxica e de xénero como mulleres subordinadas ao home, ligadas ao fogar, afastadas da vida pública e centradas no coidado das fillas e fillos e en satisfacer ao marido. Morán protagonizou esta acción vestida de noiva e portando unha bandexa que lle caeu en repetidas ocasións a causa destes golpes invisibles pero evidentes, para finalizar cun agónico baile entre pratos rotos.

Nesta nova edición, a Deputación participa activamente cun stand na Culturgal que ao longo destes días acollerá múltiples actividades e dará a coñecer a oferta cultural da institución e de 40 concellos da provincia. Así, despois desta performance, as actividades da institución provincial continuarán este sábado 30 de novembro, en que se darán a coñecer no stand as propostas culturais dos 40 concellos da provincia, en dúas sesións que terán lugar ás 12.30 e ás 19 horas. Amais da primeira desas presentacións, a presidenta da Deputación intervirá tamén pola mañá no adianto da película “María Solinha”, do realizador Ignacio Vilar e na que colabora a institución provincial. O acto terá lugar o Espazo Foro ás 13.30 horas.

Xa pola tarde, Silva estará neste mesmo espazo ás 17.45 horas para presentar a obra do pontevedrés Diego Piay “María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo”. E na mesma xornada, ás 18.30 horas, a presidenta amosará no Espazo Arte Contemporánea os contidos da quinta edición do programa de igualdade “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

No último día de Culturgal, Silva presentará a partires das 11.3o horas no Espazo Foro as liñas da programación cultural da Deputación para o vindeiro ano, que estará centrada, como xa destacara a presidenta da institución provincial, no lema “17 Obxectivos, 61 Horizontes”, enmarcado nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados pola Axenda 2030. Por outra banda, tamén estará no stand da institución provincial para a presentación ás 12 horas da cuarta edición dos Premios María Luz Morales de Ensaio sobre o Audiovisual, organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas. E, ás 12.30, presentará neste mesmo lugar o libro “Eu son Carolina”, de Javier Carballo, un mozo de Valga que quixo recuperar a imaxe da Bela Otero, a valguesa de sona mundial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.