A Deputación de Pontevedra inicia mañá as Xornadas de Memoria Histórica na Loita contra a Impunidade

Ás 19 horas o Pazo provincial acollerá un acto informativo aberto ao público sobre a querela arxentina contra os crimes do franquismo e como as familias das vítimas galegas poden adherirse á causa
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra inicia mañá as Xornadas de Memoria Histórica na Loita contra a Impunidade

A Deputación de Pontevedra inicia mañá venres os actos das Xornadas de Memoria Histórica na loita contra a impunidade. Ás 19 horas celebrarase no salón de plenos un acto informativo aberto ao público no que se explicará a situación actual da querela arxentina contra os crimes do franquismo e como as familias das vítimas galegas poderán adherirse a esa causa xudicial. O acto pechará coa proxección de El silencio de otros, unha peza documental que narra a loita silenciada das vítimas do réxime de Franco e que conta con varios premios estatais e internacionais, entre eles o Goya ao Mellor Documental no ano 2018.

Segundo explica a deputada María Ortega, os actos organizados pola Deputación teñen como obxectivo apoiar e facilitar ás familias das vítimas o seu dereito á xustiza e reparación, poñéndoas en contacto con representantes da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeaQua). Esta querela, hai que lembrar, foi interposta –a raíz da dificultade de actuación nos xulgados españois– ante un xulgado penal de Arxentina polos delitos de xenocidio e crimes de lesa humanidade cometidos en España pola ditadura franquista entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977 en virtude do principio de xustiza universal.

No acto informativo de mañá, ás 19 horas, estarán en Pontevedra os avogados de CeaQua Jacinto Lara e Paloma García, así como a súa contacto en Galiza, Jana Calero, e o ‘loitador antifranquista’ e querellante Chato Galante. Eles explicarán como as familias das vítimas galegas poden proceder para adherirse á causa xudicial arxentina, ou ben presentar unha querela individual. Abordaranse exemplos sobre algúns casos concretos, como o de Galante, ou tamén o de Miguel Ángel Gómez, ambos querelantes contra Billy El Niño.

Unha vez finalizado o acto informativo, no que se abrirá un coloquio co público para respostar ás preguntas que poidan xurdir, proxectarase (aproximadamente sobre as 19.45 horas) o documental El silencio de otros, unha peza protagonizada por Chato Galante, dirixida por Almudena Carracedo e Robert Bahar, no que se fala da posguerra española e da loita silenciada das vítimas do longo réxime de Franco, que continúan buscando xustiza ata os nosos días. Foi filmado ao longo de seis anos e segue ás vítimas e aos sobreviventes do réxime a medida que organizan a denominada ‘querela arxentina’ e confrontan un “pacto do esquecemento” sobre os crimes que padeceron.

Esta obra foi galardonada no 2018 co Goya ao Mellor documental; co premio do público a Mellor Documental no Festival de Berlín, nos Premios Forqué e nos Premios Platino, ademais de ter unha nomeación nos Premios do Cinema Europeo e outros galardóns.

Sinatura da querela arxentina polas familias Bóveda e Caamaño

Xa o sábado, ás 12 horas, e no salón de plenos da Deputación realizarase un acto institucional de loita contra a impunidade no que dúas das familias máis significadas da loita antifranquista en Pontevedra, os Bóveda e os Caamaño, asinarán a súa adhesión á querela arxentina nun acto cargado de simbolismo. O obxectivo, ademais de sumarse á querela, é animar a outras familias de vítimas a apostar pola vía xudicial para o non esquecemento e o recoñecemento á xustiza, á verdade, e á reparación para a non repetición dos crimes cometidos.

Durante o acto institucional, igualmente aberto ao público, proxectarase tamén un pequeno fragmento do documental de Óskar Galansky A guerra dos avós, e a intérprete MJ Pérez tocará na guitarra as cancións A peza solta e Cassandra.

Programa das xornadas (pdf)