A Deputación de Pontevedra lanza a cuarta edición do Coworking de Barro cunha xornada de portas abertas e a súa promoción no MindTech e no Pont Up Store

A información sobre o coworking, previsto para finais de setembro, farase chegar a asociacións e entidades do eido empresarial-laboral e a centros educativos
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra lanza a cuarta edición do Coworking de Barro cunha xornada de portas abertas e a súa promoción no MindTech e no Pont Up Store

A Deputación de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, lanzan a cuarta convocatoria para participar no Coworking do Viveiro de Empresas de Barro. A través desta iniciativa darase cabida, de xeito gratuíto, a outros 20 proxectos emprendedores da provincia en fase de desenvolvemento ou creados recentemente. O prazo para presentar a solicitude (dispoñible en https://www.eoi.es/es/espacios-coworking/pontevedra-4a-edicion/admision está aberto ata finais deste mes.

A Deputación volve ofrecer esta ferramenta a tódalas persoas emprendedoras interesadas. Para elo impartirá unha xornada de portas abertas o próximo día 17, martes, no espazo Coworking, situado no viveiro empresarial de Barro, en horario de 13.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 17.30 horas. A información sobre esta xornada estase facendo chegar a asociacións, a algúns centros educativos especializados e a entidades relacionadas co emprego. Ademais está confirmada a participación entre os días 10 e 12 na feira MindTech (o salón do sector industrial, metalúrxico e metalmecánico) de Vigo, e no evento do emprendemento Pont Up Store (“O impulso da xente valente”), que terá lugar en Pontevedra entre os días 19 e 21 deste mes. Alí repartiranse folletos e divulgarase a mensaxe da oportunidade que supón para persoas emprendedoras sumarse ao Coworking da Deputación de Pontevedra.

O espazo Coworking do Viveiro de Barro ofrece un espazo de traballo gratuíto durante cinco meses, pero máis alá diso abre a posibilidade de participar nun completo programa de asesoramento personalizado impartido por persoal experto, así como de acceder a formación para potenciar as competencias en emprendemento e en xestión de proxectos. Ademais diso ofrece acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no mesmo centro. Sumarse ao Coworking de Barro garante un acompañamento profesional durante o longo proceso de “maduración” da idea empresarial, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Deste xeito, póñense en marcha sesións de formación sobre Lean Start Up, crowdfunding, estratexias de comunicación en redes sociais, creatividade e innovación, posta en marcha dun plan de mercadotecnia dixital, finanzas, habilidades de comunicación e xestión do talento.

Durante os cinco meses de cada edición do Coworking de Barro terán lugar tamén actividades para potenciar o networking e compartir así as boas prácticas, contando coa experiencia doutras iniciativas emprendedoras, persoas expertas e empresariado. Ademais, como peche da edición terá lugar un Demo Day, durante o que se presentan os proxectos participantes.

O espazo Coworking da Deputación é un entorno altamente tecnolóxico, pois ofrece acceso, tamén de maneira gratuíta, ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da Deputación de Pontevedra. O equipamento está formado por impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas, etc. Nestes laboratorios desenvolveranse tamén talleres específicos de fabricación dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía, ofrecendo mesmo a posibilidade de “prototipar” deseños.