A Deputación de Pontevedra leva a Cuntis unha nova charla sobre o alzhéimer do ciclo Tempo de Saúde

A institución provincial e o Colexio Oficial de Médicos colaboran para achegar distintos temas de saúde á xuventude e ás persoas maiores
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra leva a Cuntis unha nova charla sobre o alzhéimer do ciclo Tempo de Saúde

Cuntis acollerá este martes 12 de novembro unha conferencia no Salón de Actos do Centro Roberto Blanco Torres da man do ciclo Tempo de Saúde, unha serie de charlas e coloquios sobre saúde que xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A cita terá lugar ás 19:00 horas e nela o doutor Juan José Sánchez Castro abordará o tema do “Alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas”. A conferencia está dirixida ao público de maior idade, pacientes, persoas coidadoras e usuarios das entidades de iniciativa social. Á cita acudirá, ademais, a deputada de Cohesión Social, Olga García.

A creación dun clima de diálogo co público asistente ao redor de temáticas tan sensibles como son o alzhéimer e as enfermidades neurodexenerativas é un dos puntos clave da conferencia. Do mesmo xeito, o programa Tempo de Saúde tamén busca que todas as persoas que se acheguen ás charlas aprendan o máximo posible dos asuntos que tratan.

O doutor Juan José Sánchez Castro, relator da conferencia, conta cunha gran formación académica posto que é licenciado en Medicina e Cirurxía, diplomado en Sanidade, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, máster en Mercados Financeiros e máster en Valoración de Empresas. Ademais, conta cunha ampla traxectoria profesional como xefe de servizo de atención primaria na Estrada, director xeral de infomercados e servizos financeiros e médico de familia así como con premios e recoñecementos no seu currículo.

Tempo de Saúde é unha proposta que consiste en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas da terceira idade e outras á xuventude. Este é o segundo ano que se leva a cabo o programa, que arrancou a principios de mes en Redondela e que nesta ocasión chegará a 22 concellos da provincia de Pontevedra. As actividades formativas teñen unha duración dunha hora cada unha e ao finalizar ábrese un debate-coloquio coas persoas asistentes. Ademais, están impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias que tratan.