Ribadumia acollerá este venres 15 de novembro unha conferencia de Tempo de Saúde, o ciclo de charlas e coloquios sobre saúde que xorden da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Colexio Oficial de Médicos. A deputada provincial Olga María García, asistirá á charla, que terá lugar na casa da cultura, ás 11:00 horas e nela o doutor Juan José Sánchez Castro abordará o tema do “Alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas”. A conferencia está dirixida ao público de maior idade, pacientes, persoas coidadoras e persoas usuarias das entidades de iniciativa social.
Juan José Sánchez Castro conta cunha gran formación académica posto que é licenciado en Medicina e Cirurxía, diplomado en Sanidade, especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, máster en Mercados Financeiros e máster en Valoración de Empresas. Ademais, conta cunha ampla traxectoria profesional como xefe de servizo de atención primaria na Estrada, director xeral de infomercados e servizos financeiros e médico de familia así coma con varios premios e recoñecementos no seu currículo. A creación dun clima de diálogo co público asistente ao redor de temáticas tan sensibles como son o alzhéimer e as enfermidades neurodexenerativas é un dos puntos clave da conferencia. Do mesmo xeito, Tempo de Saúde tamén busca que todas as persoas que se acheguen ás súas charlas aprendan o máximo posible dos asuntos que tratan.
Este ciclo de conferencias é unha proposta que consiste en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas da terceira idade e outras á xuventude. Este é o segundo ano que se leva a cabo o programa, que arrincou a principios de outubro en Redondela e que nesta ocasión chegará a 22 concellos da provincia. As actividades formativas teñen unha duración dunha hora cada unha e ao finalizar ábrese un debate-coloquio coas persoas asistentes. Ademais, están impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias que traten.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.