A Deputación de Pontevedra leva a súa campaña de igualdade ao Entroido de Verán de Redondela

A institución provincial achegará o material de “EUDECIDOTIRESPECTAS” ao punto morado de información sobre as violencias machistas que instalará o Concello o sábado 24 de agosto
Publicado por o día 20/08/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Redondela

A Deputación de Pontevedra leva a súa campaña de igualdade ao Entroido de Verán de Redondela

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, levará a súa campaña de igualdade “EUDECIDOTIRESPECTAS” ao Entroido de Verán de Redondela, que se desenvolverá esta próxima fin de semana. A  institución provincial levará o material desta campaña ao punto morado de información sobre as agresións sexuais que o goberno municipal de Redondela instalará o día 24 de agosto, na praza do Concello, e que estará operativo desde ás 17 horas ata as dúas da madrugada.

A campaña “Lembra, eu decido, ti respectas” está dirixida á mocidade e amosa contidos diferenciados para mulleres e para homes, nos que se definen con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, así como previr e actuar contra as agresións sexuais categorizadas como violacións en cita ou agresións por submisión química.

A Deputación de Pontevedra desenvolveu este verán esta campaña de igualdade nos Festivais Rías Baixas  e ofrece o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, o pasado ano chegou a festivais e festas patronais dos concellos de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.