A Deputación de Pontevedra realiza unha inspección especial da ponte de Catoira para coñecer as necesidades de reparación

Este xoves día 13 cortarase á circulación a un dos carrís do viaduto entre as 10 e as 12 da mañá
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra realiza unha inspección especial da ponte de Catoira para coñecer as necesidades de reparación

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar unha inspección especial da ponte de Catoira para valorar o seu estado de conservación, descartar que existan patoloxías ou danos que afecten ao seu nivel de seguridade, e ver se é necesario tomar algunha medida de reparación concreta. Esta inspección realizase en coordinación coa Deputación da Coruña e obrigará, segundo explica o deputado Uxío Benítez, a cortar ao tráfico un dos carrís do viaduto o vindeiro xoves día 13 entre as 10 e as 12 da mañá aproximadamente.

O obxecto da inspección pretende a caracterización completa do estado actual do viaduto, detectando calquera dano que poida haber en calquera dos elementos que conforman a obra de paso, para o que se están a realizar labores de inspección visual, ensaios de caracterización e medicións complementarias.

O informe sobre a ponte inclúe unha recompilación de toda a información dispoñible e traballos de campo nos que se obterán datos para avaliar a evolución da estrutura e detectar posibles patoloxías que afecten ao seu comportamento e durabilidade.

Entre outras, realizarase unha inspección visual exterior (para o cal será necesario o emprego de cámara fotográfica con zoom, GoPro con pértega, prismáticos, etc.); unha inspección interior (para o que se empregará cámara fotográfica, martelo, fisurómetro, etc.); unha inspección exterior mediante dron; e unha nivelación do bordo da calzada.

Unha vez rematados os traballos de campo comezará unha etapa de traballos en gabinete para realizar unha avaliación estrutural da obra, que cotexará os datos obtidos en campo e incorporará as reparacións realizadas con anterioridade. Con esta avaliación estrutural preténdese obter o nivel de seguridade do viaduto ante as solicitacións de carga actuais.

Cos resultados obtidos, avaliarase a posibilidade de establecer limitacións no uso e desenvolverase, no caso de que sexa necesario, unha proposta de reparación da estrutura , na que se definirán as actuacións a realizar ordenándoas por orde de prioridade de execución. Constará tamén dun orzamento aproximado de cada unha das actuacións propostas.

O viaduto de Catoira atópase nun enclave estratéxico ao comunicar as provincias de Pontevedra e A Coruña, e forma parte da EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira, unha estrada cunha IMD medida no ano 2018 de 9.532 vehículos/día. O traballo de inspección ten un prazo de execución de cinco meses e un orzamento de 18.089,50 euros.