A Deputación de Pontevedra redobrou en 2020 a aposta pola comunicación dixital coa cidadanía

A web da Deputación creceu por enriba do millón de sesións e a páxina de Turismo Rías Baixas superou o seu récord histórico de visitantes: 285.000
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra redobrou en 2020 a aposta pola comunicación dixital coa cidadanía

As canles dixitais da Deputación de Pontevedra, tanto nas súas páxinas web como nas súas principais redes sociais, rexistraron en 2020 grandes datos de visitas e audiencia, cun crecemento exponencial que non só consolidan, senón que redobran a súa aposta dixital na súa relación coa cidadanía da provincia. A Deputación ten unha ampla presenza na contorna dixital e o rendemento acadado neste período vén confirmar o alto interese que xeran os seus contidos e actividades entre os concellos e a poboación. Ademais, no obxectivo prioritario por impulsar os novos modos de relación coa cidadanía, a sede electrónica aumentou o seu uso nun espectacular 63%.

web da Deputación rexistrou en 2020 preto de 400.000 usuarios e usuarias únicas (398.315)  e superáronse o millón de sesións (1.055.206). Xeráronse máis de 2,59 millóns de páxinas vistas, o que significa que os usuarios e usuarias pasaron, de media, por preto de 3 páxinas cada vez que visitaron a páxina web da Deputación. No caso da web de Turismo Rías Baixas, 2020 supuxo o seu récord histórico de visitantes, preto de 300.000 persoas usuarias (285.329) que se conectaron á web un total de 356.289 veces e visitaron 585.336 páxinas (unha media de 1,6 páxinas vistas en cada sesión).

A Deputación de Pontevedra tamén gañou un importante número de seguidoras e seguidores nas súas redes sociais. No caso de Twitter o incremento foi do 25% en dous anos, xerando 2734 seguimentos máis e, en canto ao perfil en Facebook, a audiencia medrou nun 17% con 2115 seguimentos novos. Tamén, nesta rede, o alcance medio das publicacións mellorou nun 5%.

Do mesmo xeito, cómpre salientar a mellora dos datos das principais canles de Turismo Rías Baixas: un 16% máis de alcance das súas publicacións en Twitter (onde a audiencia medrou un 13% en 2 anos, con 3183 seguimentos máis), e un 28% máis de alcance en Facebook (con 2926 seguidoras e seguidores novos, un 13% máis) malia as restricións á mobilidade.

Espectacular incremento do 63% da sede electrónica

A mellora e impulso das canles dixitais da institución provincial para a relación coa cidadanía, unido ás novas necesidades que coa pandemia se fixeron máis patentes, supuxeron un grande incremento de tramitacións electrónicas. 119.357 usuarios e usuarias visitaron a sede electrónica da Deputación en 2020, o que representa un aumento do 63% (en 2019 foron 73.050). Se xa esta porcentaxe de incremento é alta, máis o son no caso das páxinas visitadas e das sesións abertas. De 888.447 páxinas vistas en 2019, pasouse a 1.829.250 en 2020: un incremento do 105,8%. En canto ás sesións abertas, o incremento é aínda máis notorio xa que se pasou das 160.311 sesións de 2019 ás 364.396 sesións de 2020: isto supón un 127% máis que no ano anterior.

Do mesmo xeito, o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra tamén tivo unha gran demanda ao rexistrar un incremento do 3,3% de persoas usuarias (de 229.117 a 236.762) xerando máis de 2 millóns de páxinas vistas durante 2020.

Máis de 100.000 impactos en decembro coas campañas

As campañas online da Deputación de Pontevedra postas en marcha no mes de decembro, para pór en valor as mulleres da provincia, fomentar a igualdade desde o berce e promover o consumo de produtos e comercios locais, xeraron máis de 100.000 impactos en Facebook, Twitter e Instagram

A Deputación impulsou a adquisición de xogos e xoguetes non violentos e non sexistas a través de “Xogando aprendemos a vivir”, que puxo o foco na importancia de fomentar a corresponsabilidade nos coidados desde cativos e cativas. Tamén ligada ao Nadal estivo unha nova edición de “Elas son a forza do Nadal”, na que salientamos o labor das mulleres produtoras e comerciantes da provincia á hora de garantir que tivésemos produtos de calidade nas nosas mesas durante as festas. No caso de “Agora máis que nunca non perdamos a proximidade”, seguindo a estela anterior, fomentamos a compra en comercios locais e a escolla de produtos de proximidade e de temporada. E, en último lugar, a campaña “Dillo con flores” puxo o foco nun sector moi afectado pola pandemia: o da planta ornamental e flor cortada do Baixo Miño, co que a Deputación se comprometeu desde o primeiro momento fomentando o seu consumo e creando un selo propio de orixe co que distinguir este produto nos puntos de venda.