A Deputación de Pontevedra adheriuse á campaña da Organización Mundial da Saúde, Nacións Unidas e a Coalición Clima e Aire Limpo que se coñece internacionalmente como “BreathLife” e que en España denominouse “Respira a Vida”. A entidade que preside Carmela Silva convértese, deste xeito, na terceira representante institucional española en sumarse a un proxecto no que, a día de hoxe, só participan o País Vasco e Cataluña. E para elo asume os obxectivos da campaña: involucrarse no cumprimento das directrices da OMS sobre calidade do aire para o ano 2030, reducir á metade o número de mortes relacionadas coa contaminación atmosférica no ano 2030 e reducir o ritmo do cambio climático en 0,5 graos para o ano 2050.
A iniciativa “BreathLife” foi presentada hoxe por Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Transición Ecolóxica, Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas. Silva destacou que a contaminación atmosférica, “o asasino invisible”, causa 7 millóns de mortes ao ano no mundo e 10.000 en España, “máis que os accidentes de tráfico”. Fixo, por tanto, un chamado á concienciación da sociedade contra unha lacra que ataca especialmente ás persoas maiores e tamén ás máis cativas: “ás avoas e avós; ás netas e netos con asma”. “Somos unha institución que se compromete coa vida da xente e que, dende o local, quere ser actor protagonista”, remarcou. A Deputación de Pontevedra ten fixado para este novo mandato municipal como unha das súas liñas transversais o medio ambiente cara a transición ecolóxica, polo que esta iniciativa encaixa perfectamente na súa “folla de ruta” e nos intereses xerais da provincia. Carmela Silva subliñou tamén que a participación neste proxecto internacional contribúe a situar á Deputación nunha posición máis competitiva para captar fondos europeos no marco da Axenda Urbana 2030.
As medidas clave a desenvolver pola Deputación no marco do pacto “BreathLife” encádranse no sector do Transporte, Xestión de Residuos, Abastecemento de Enerxía e Alimentación e van ter un impacto directo positivo en sectores estratéxicos como o turismo ou o sector primario (vitivinícola e agrario). No eido do Transporte xa están en marcha medidas como o Plan Móvese para reducir a velocidade en zonas urbanas ou o Plan DepoRemse para incrementar a seguridade viaria en centros de elevada atracción urbana. Na Xestión de Residuos, a Deputación continúa impulsando o Plan Revitaliza, que converteu á provincia nun referente na aposta pola compostaxe dos residuos sólidos urbanos, ou Proxecto ESTRAEE, para a xestión de aparellos eléctricos electrónicos, financiada polo programa operativo Interreg POCTEP España-Portugal dos fondos Feder. Amais, presentou proxectos para captar fondos Life (Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima 2014-2020) para poñer en marcha as iniciativas Life CircWEEE (recuperación de residuos de equipos eléctricos, electrónicos, baterías, acumuladores e compoñentes) e Life DeAgua (tratamentos de augas residuais mediante sistemas naturais en zonas rurais).
No ámbito do Abastecemento de Enerxía, xa están en marcha cinco liñas de apoio aos concellos para o cambio da súa iluminación exterior á tecnoloxía led (programa operativo Feder de Crecemento Sustentable 2014-2020), así como outra liña para a iluminación sostible dos elementos catalogados como Bens de Interese Cultural e un programa de substitución de caldeiras de gasóleo por equipos de biomasa.
Finalmente, no sector da Alimentación e Agricultura, a Deputación impulsa convenios para a redución do uso de pesticidas no ámbito do cultivo da mazá e a produción de leite ecolóxico. Tamén desenvolve o proxecto DepoVerde para producións hortofrutícolas e apícolas en espazos naturais protexidos, o proxecto DepoApicultura para o fomento da apicultura sustentable e o DepoFroitos, para o cultivo ecolóxico de froitos de bosque. Os programas SICOM (encadrado no proxecto europeo Life Viñas Atlánticas) para reducir os fitosanitarios, o estudo e asesoramento sobre o impacto do cambio climático no sector vinícola, o desenvolvemento de sistemas de teledetección para o cálculo das áreas afectadas por incendios forestais, os estudos para a mellora forestal e a creación dos parques forestais, completan as actuacións neste ámbito.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.