A Deputación de Pontevedra traslada ás Federacións de Confrarías a demanda das mulleres do mar para que camiñen cara a paridade nos seus órganos directivos

Solicitan medidas correctoras no sistema de elección para avanzar cara a unha maior participación das mulleres nunhas xuntas nas que a maior parte dos postos son masculinos
Publicado por o día 14/11/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Mar

A Deputación de Pontevedra traslada ás Federacións de Confrarías a demanda das mulleres do mar para que camiñen cara a paridade nos seus órganos directivos

A Deputación de Pontevedra deu un novo paso a prol da igualdade efectiva en tódolos ámbitos da vida social. O Goberno provincial de Carmela Silva acaba de enviar cartas ás Federacións Provincial e Galega de Confrarías de Pesca para trasladarlles as demandas das asociacións de mulleres do mar para que se tomen medidas que favorezan unha maior representación feminina nos seus órganos directivos, consultivos e de representación.

A iniciativa toma corpo despois do encontro da presidenta da Deputación coa Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (Anmupesca), que aglutina a 21 asociacións de toda España e representa a máis de 10.000 mulleres do sector. Esta asociación ten entre os seus obxectivos a visibilización das mulleres, o incremento do seu liderado e o impulso á participación efectiva nos órganos representativos, así como fomentar unha sociedade igualitaria e integradora desde a perspectiva de xénero. Esta necesidade tamén foi expresada polo colectivo de mulleres “Mar de Arousa”, nun encontro coa presidenta provincial. Esta asociación, que naceu para defender os dereitos das traballadoras do mar e esixir a súa presenza en postos de responsabilidade, integra a mariscadoras, percebeiras, traballadoras da conserva, empresarias e algunha directiva.

No escrito que o Goberno da Deputación remitiu ás federacións provinciais e galega explícase que estamos a asistir a un cambio significativo en canto á participación efectiva das mulleres nos órganos de dirección e participación en tódolos ámbitos sectoriais “que evidencian un gran salto cualitativo na garantía dunha transición rápida cara o ideal de paridade, un cambio ao que o mundo do mar non debería quedar alleo”. Por este motivo traslada as propostas trasladadas por colectivos de mulleres “que pasan por que se analicen medidas para implementar factores correctores no sistema electoral que garantan unha maior cota de participación feminina”.