A Deputación de Pontevedra estuda co Concello de Vila de Cruces a humanización do tramo da estrada provincial EP-6306 Agolada-Cruces que comunica o centro urbano da vila co cemiterio e o tanatorio. Así llo fixo saber o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, ao alcalde, Luís Celso Taboada, e á tenente de alcalde, María do Carme Silva, durante a xuntanza mantida esta semana.
A institución provincial xa ten redactado un proxecto desde o pasado mandato municipal, cun Orzamento de 179.205,36 euros. Daquela o Concello tíñase comprometido a conseguilas cesións dos terreos necesarios, trámite que non se chegou a materializar. O actual alcalde comprometeuse a completar as xestións.
Ambas partes son partidarias da realización das obras de humanización e mellora da mobilidade neste tramo da estrada, que vai PQ 16+450 ao PQ 16+750, no marco dun convenio no que quedaría contemplado que unha vez realizadas, pasará a formar parte do viario municipal.
Durante a xuntanza fíxose un completo repaso aos investimentos realizados pola Deputación no Concello de Vila de Cruces nos últimos catro anos e expresouse a vontade de continuar nesta liña de colaboración. Neste período a Deputación leva investido uns 4 millóns de euros en Vila de Cruces. O Concello recibe 672.000 euros anuais no marco do Plan Concellos, instrumento de colaboración co que se financiaron preto de 30 actuacións, a maior parte delas obras de mellora de vías municipais. Ademais, o municipio logrou, en base ás puntuacións outorgadas polas técnicas e técnicos, un convenio no marco do Plan DepoRemse para a mellora da mobilidade no entorno do colexio, gardería e polideportivo de Vila de Cruces, cun importe superior aos 400.000 euros.
Noticias de última hora en Vigo