Os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes recibirán desde este xoves a primeira entrega de máscaras coordinada pola Deputación de Pontevedra, as cales se repartirán con criterios obxectivos segundo a poboación e o índice de envellecemento. Este material de protección procede da achega de 7 millóns de unidades posta en marcha polo Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), segundo a cal as deputacións se encargarán da súa distribución nos concellos máis pequenos de cada provincia.
A Deputación de Pontevedra distribuirá un total de 57.000 máscaras do reparto da Delegación do Goberno destinadas aos colectivos máis vulnerables de cada municipio de menos de 20.000 habitantes. En concreto, repartiránselles ás persoas máis maiores ou atendidas por teleasistencia e ao persoal municipal máis exposto ao virus, coma o dos servizos de limpeza e recollida de residuos sólidos, as empregadas e empregados do transporte público, as traballadoras e traballadores sociais e do SAF ou o persoal de protección civil e emerxencias, coma a policía local ou os servizos contra incendios.
O reparto deste material de protección entre os concellos farase en función de dous criterios obxectivos. Entregarase unha cantidade lineal por tramos de poboación: de hasta 3.000 habitantes, de 3.000 a 5.000, de 5.000 a 10.000, de 10.000 a 15.000 e de 15.000 a 20.000. A esta cantidade engadiráselle unha segunda partida destinada a aqueles concellos que teñen un maior factor de sobreenvellecemento.
Atendendo a estes criterios, nesta entrega da Deputación 8.000 máscaras chegarán este xoves ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes; 11.600 máscaras á do Salnés; 10.100 á de Vigo; 10.900 á de Pontevedra; 8.500 ás do Condado e A Paradanta; 2.400 á do Morrazo e 5.500 á do Baixo Miño.
Reparto por comarcas e concellos de menos de 20.000 habitantes
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.