A Deputación leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño ás escolas da raia

Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará dos espectáculos grazas á iniciativa de recuperación do patrimonio do Smart Miño
Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño.

O CEIP Antonio Carpintero de Arbo e o Manuel Sieiro de Crecente acollerán o martes 26 a primeira das actividade de contacontos realizadas por Polo Correo do Vento. O mércores continuará o itinerario no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, e na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.

O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa ‘Tesouros humanos vivos’, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre a rapazada, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

Segundo asegura o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, os contacontos buscan chegar á cativada miñota e aumentar os seus coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, xa que a identidade que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual. “Non podemos permitir que todo ese patrimonio intanxible se perda. Hai que facer por manter ese saber nas familias e tamén nas escolas “, subliñou.

Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.

O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos Tesouros Humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.

O obxectivo da actividade é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

Esta iniciativa estaba previsto que se desenvolveseno curso pasado, sendo finalmente adiada debido a suspensión das clases por mor da pandemia da Covid-19. Retómanse agora estas actividades que se realizarán nas escolas na última semana de  xaneiro e primeira de febreiro, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus. Estaba previsto ademais que os contacontos se achegaran a diferentes localidades portuguesas da raia, quedando pendente a súa realización para próximas datas.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto Smart Minho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte… nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo no canal de youtube do smartminho (https://cutt.ly/ojeC3xD) así como nas diferentes redes sociais do proxecto para  garantir a súa divulgación e transmisión.

Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.