A Deputación promociona a Ruta da Camelia cunha visita guiada aos xardíns do castelo de Soutomaior

O recinto alberga máis de 500 exemplares, 19 deles centenarios, da árbore coa flor máis representativa das Rías Baixas
Publicado por o día 13/02/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación promociona a Ruta da Camelia cunha visita guiada aos xardíns do castelo de Soutomaior

A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, participou hoxe nunha das visitas guiadas aos xardíns do castelo de Soutomaior co obxectivo de promocionar a Ruta das Camelias, un dos programas turísticos máis característicos da Deputación. O acto, ao que se sumaron os deputados/as Noemí Outeda, Olga García, Victoria Alonso e Manuel González, contou coa presencia de varios visitantes, entre eles unha parella de turistas alemáns que está a percorrer a provincia.

Durante a visita guiada ofrecéronse explicacións sobre os máis de 500 exemplares de camelia existentes no recinto, a meirande parte da variedade japónica, pero tamén exemplares de reticulata moi valiosos. O guía detívose especialmente diante dalgúns dos exemplares que ofrecen as flores máis curiosas como a “Sangue de pichón”, “Eugenia de Montijo”, “Plena Alba”, “Cidade de Vigo” ou a camelia olorosa (“Sasanqua”). A ruta concluíu cun paseo polo xardín inglés do castelo, onde poden apreciarse 19 exemplares de camelias centenarias nun espazo compartido coas catro árbores senlleiras existentes no recinto.

Na súa intervención, Ana Laura Iglesias, destacou os valores da camelia como flor representativa das Rías Baixas, unha vez que foi introducida dende Oriente hai uns 200 anos, e subliñou a beleza dos xardíns galegos nos que cobra protagonismo. Destacou a boa acollida que están a ter as visitas guiadas e deu a benvida aos participantes. Ademais congratulouse de que se estean a producir visitas de persoas chegadas doutros países, como foi o caso de hoxe.

A Ruta das Camelias é un produto turístico que engloba os xardíns do Castelo de Soutomaior, o Pazo de Rubiáns (Vilagarcía), o Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), o Pazo Quiñones de León (Vigo), o Pazo Gandarón (Pontevedra), o Pazo A Saleta (Meis), Pazo de Oca (A Estrada) e o Parque do Castro (Vigo). Entre todos ofrecen a posibilidade de gozar de 80 especies distintas e dos milleiros de variedades de camelia presentes en Galicia. Catro deles están declarados Xardíns de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia. O primeiro deles foi, a finais de 2012, o Castelo de Soutomaior.

As visitas guiadas aos xardíns do castelo, que se ofrecen tódolos martes e xoves, comezaron a ofrecerse este mes de febreiro aproveitando a etapa de floración desta árbore en inverno. A iniciativa, que durará ata finais do próximo mes de marzo, está a ter unha gran acollida entre o público, pois supón unha oportunidade única de contemplar algúns dos exemplares máis raros, antigos e fermosos de Galicia.

Deste xeito, o castelo ofrece agora diferentes modalidades de visitas guiadas ao público, dado que visita conxunta ás instalacións musealizadas do castelo e mailos xardíns, tamén se celebran martes e xoves, pero en horario de 16 horas. Por outra banda, tamén é posible acceder ao recinto sen visita guiada. As persoas interesadas en participar poderán adquirir as entradas tanto de forma presencial coma na páxina web https://entradas.castelodesoutomaior.com/.