A Deputación reafirma o apoio á Rapa das Bestas, a gran cita internacional que abre a tempada de festas no verán

“É extraordinaria e pon á provincia no mapa de grandes festas de Europa”, salientou Santos Héctor na presentación na sede de Turismo Rías Baixas
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación reafirma o apoio á Rapa das Bestas, a gran cita internacional que abre a tempada de festas no verán

A Deputación de Pontevedra da un ano máis o seu apoio á Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), unha das cinco Festas de Interese Turístico Internacional nas Rías Baixas e o evento que abre a tempada festiva grande na provincia de Pontevedra. O Palacete das Mendoza acolleu esta mañá a presentación desta edición, que terá lugar entre o 5 e o 8 de xullo, nun acto que tivo ó deputado Santos Héctor Rodríguez como anfitrión e que contou coa participación, entre outros e outras, da intérprete Rosa Cedrón, un dos grandes nomes este ano do cartel do Festival Rapasóns.

“A Rapa das Bestas é unha celebración extraordinaria, un espectáculo multitudinario de enorme forza visual no que os aloitadores e aloitadoras bátense corpo a corpo coas bestas para cortarlle as crinas”, explicou o deputado de Turismo, quen destacou que este evento de interese internacional “contribúe a poñer á provincia de Pontevedra no mapa das grandes festas de Europa”.

O responsable de Turismo recoñeceu o traballo da organización todo o ano “para que as greas (ou mandas) poidan estar nos tres curros”, e destacou que Sabucedo “é unha zona de grandísima beleza, cunha poboación hospitalaria que reflexa á perfección o carácter acolledor da provincia de Pontevedra”.

87 xornalistas acreditados

A espectacular aloita atrae profesionais da comunicación de todo o mundo. O presidente da Asociación Rapa das Bestas, Henrique Bazal, explicou que polo momento estendéronse 87 acreditacións para medios nacionais e de outros nove países, entre eles EE UU, Arxentina, Colombia, Portugal, Rusia, Francia e Alemaña. “A festa chegará a millóns de persoas”, indicou.

A Rapa arrinca este ano o venres 5 de xullo coa misa na honra a San Lourenzo e a subida ao monte, onde se xuntan as distintas greas. As bestas son baixadas ao pobo e celébranse tres curros: o sábado (ás 19.00 horas), o domingo (12h) e o luns (12h). Este ano a organización espera reunir 350 bestas para os curros. Bazal lembrou que o curro do luns ten carácter solidario. Parte da recadación será entregada ao Banco de Alimentos.

“A Rapa é un atractivo turístico importantísimo na nosa zona. Todas as casas rurais están ateigadas, e tamén as da contorna, ata Pontevedra mesmo”, explicou na presentación Juan Constenla, concelleiro de A Estrada.

Rapasons: “O sentir dun pobo”

O curro é a parte máis espectacular de Rapa, pero as festas inclúen unha ampla axenda de actos culturais e de lecer para todos os públicos. A principal é o Festival Rapasons, que terá lugar entre a noite do venres e o mediodía do luns. Este ano conta cunha ducia de actuacións.

Rosa Cedrón remarcou que Rapasons “reflexa o sentir dun pobo” e enxalzou o programa “bonito e completo, cun amplo abano de estilos musicais galegos”. A artista animou á veciñanza da provincia e ás persoas que nos visitan a acudir á Rapa. “É un fin de semana estupendo para pasar en Sabucedo“, afirmou.

A Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) é unha das cinco festas de Interese Turístico Internacional da provincia de Pontevedra. Un espectáculo no que os aloitadores e aloitadoras demostran a súa mestría corpo a corpo cos cabalos e eguas, sen ningún tipo de aparello. Milleiros de persoas achéganse para gozar da festa e asistir aos curros nesta parroquia de apenas 60 habitantes.

Mapa de festas

Por outra banda, na presentación da Rapa das Bestas o deputado de Turismo anunciou a próxima entrega nas oficinas de Turismo da provincia dun novo material sobre as Festas de Interese Turístico das Rías Baixas. Trátase dun folleto cun mapa dos 27 eventos destas características que se celebrarán de aquí a novembro, e que está xa dispoñible na web de Turismo Rías Baixas. Proximamente entregarase nas oficinas de Turismo de toda a provincia.

O mapa de festas das Rías Baixas informa dos concellos nos que se celebra cada un destes eventos e as datas nas que terá lugar. Detalla ademais a súa tipoloxía clasificándoas en enogastronómicas, históricas, culturais, relixiosas e deportivas.

A publicación inclúe unha descrición máis ampla das 5 maiores citas, tres delas de Interese Internacional (Rapa das Bestas, Festa do Albariño en Cambados e Romaría Viquinga de Catoira), e dúas de Interese Turístico Nacional (Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa e a Festa do Marisco de O Grove).