A Deputación de Pontevedra, a través da deputada do departamento de Memoria Histórica, María Ortega, púxose hoxe do lado das asociacións memorialísticas da provincia ao rexeitar a utilización da illa de San Simón –unha illa para a memoria– para realizar actos frívolos e con intencións lucrativas coma o que a empresa navieira Nabia, coa autorización da Xunta de Galicia, quere realizar con motivo do Samaín.
Segundo destaca María Ortega, a illa de San Simón foi “un espazo de represión, tortura e terror para miles de persoas represaliadas polo franquismo, un campo de concentración e de exterminio para presas e presos políticos contrarios ao réxime ditatorial do 36; cárcere e lugar de terror para miles de veciñas e veciños da provincia de Pontevedra”, polo que esixiu “respecto pola memoria destas persoas, polas súas familias e pola saúde dunha sociedade democrática”.
A deputada nacionalista remarcou a súa crítica á autorización da actividade en San Simón por parte da Xunta sinalando as datas nas que acontece: “Todo isto está a pasar precisamente no día en que, coa exhumación do ditador Francisco Franco, a democracia fere fortemente o fascismo simbólico e perturba as bases do fascismo político”.
En calquera caso, segundo lembra Ortega, a pesar de que San Simón foi declarada Ben de Interese Cultural, non é a primeira vez que se organizan este tipo de actividades, xa que é habitual que empresas privadas desenvolvan na illa procuras do tesouro, festivais, ceas e todo tipo de celebracións e actos lúdicos que non son propios dun espazo co seu significado e simbolismo. Destacou, como exemplo clarificador, a transposición a outras localizacións cunha significación histórica similar. “Acaso alguén imaxina ceas de Samaín en Auschwitz?”, observou.
A deputada declarou, ao igual que están a manifestar moitos colectivos e persoas comprometidas coa recuperación da memoria histórica, que a illa de San Simón non pode ser un parque temático, senón que debe ser un lugar histórico, natural e cultural que merece coidado e dinamización, ademais de ser tratado con respecto e sensibilidade. Por este motivo, instou a Xunta de Galicia a prohibir actividades coma a que publicitou Nabia e a crear un Plan de usos que regule o espazo e prime a súa función como lugar de memoria histórica democrática.
O anuncio
A navieira Nabia, con sedes en Vigo, Cangas, Bueu, Portonovo e Baiona, comezou hai días a facer publicidade da súa actividade para a noite do 31 de outubro deste xeito: “A noite do 31 de outubro vive o Samaín máis auténtico na illa de San Simón! A maxia desta noite de terror envolverá a illa, onde gozarás dunha ruta guiada polo noso arrepiaaante equipo de guías. Ademais, poderás gozar dunha cea nun dos edificios máis emblemáticos da illa, para embarcar despois nunha auténtica e aterradora aventura na que teredes que superar terroríficas probas pola illa. Pasaralo de medo! Serás capaz de guiarte pola illa e superar as probas? Estás preparad@ para gritaaaar?”. O prezo esixido para a actividade é de trinta euros para persoas adultas e de 15 para nenas e nenos de entre tres e doce anos, e a navieira ofrece un desconto do 10 % por reserva anticipada.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.