A dor de costas, un problema cada vez máis frecuente na infancia

A facultade acolleu este mércores unha conferencia sobre filosofía e infancia
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

A dor de costas, un problema cada vez máis frecuente na infancia

Diferentes estudos sitúan, en función dos parámetros analizados, entre un 6% e un 59% a porcentaxe de nenos e nenas afectados pola dor de costas, un problema cada vez máis frecuente na infancia e na mocidade, como subliñou o fisioterapeuta da Unidade de Desviacións do Raque do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Manuel Fraiz, nunha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Neste relatorio, Fraiz Barbeito sinalou os “problemas de hixiene postural ou o déficit de actividade física”, como principais causantes deste “grande aumento” dos casos de dor de costas non derivados dunha “patoloxía orgánica” que se ten rexistrado nos últimos anos.

Inserida nas actividades do proxecto de innovación educativa Elección do mobiliario escolar adecuado en educación mediante a análise do parámetro antropométrico do alumnado, esta conferencia tiña como obxectivo achegar “unha información básica” para que os futuros e futuras docentes poidan “intervir na aula” ante problemática, como explicou o profesor Iván Prieto, coordinador deste proxecto. Fisioterapeuta, enfermeiro e profesor asociado de estancias clínicas da Universidade, Fraiz iniciou a súa intervención poñendo o foco no concepto de dor, “que non é unha enfermidade, nin unha diagnose, é un síntoma”. A partires desa idea, puxo de relevo como se ben “hai 25 ou 30 anos” os nenos que acudían á Unidade de Desviación do Raque con dor de costas, “normalmente tiñan unha patoloxía orgánica asociada” a esta, na actualidade entre “o 95% e o 99% dos casos” corresponden a un tipo de dor “que se chama inespecífica, que normalmente está asociada a unha disfunción muscular, articular ou discal menor”. Non obstante, trátase dunha dor “que incapacita aos nenos na súa vida diaria, que supón unha limitación da mobilidade nalgún segmento”, subliñou este fisioterapeuta, que lembrou neste senso un estudo realizado desde a súa unidade en cinco colexios pontevedreses, no que o 34% das e os participantes afirmaron ter sufrido dor de costas no último mes.

Un problema que require dunha “abordaxe integral”

Diferentes estudos amosan “que se un neno padece dor de costas de maneira crónica, o máis probable é que esa dor se manteña na idade adulta”, sinalou Fraiz, que lembrou que a dor cervical e lumbar constitúe a maior causa de incapacidade en España. “É un problema importante, que parece que vai a máis”, subliñou o conferenciante, que avogou por unha “abordaxe integral” na que as e os docentes poden xogar un relevante papel. “É moi importante que na escola se fomenten hábitos posturais saudables, que o profesorado coñeza a importancia de contar cun mobiliario adecuado e que fomente a actividade física”, subliñou. Combater o sedentarismo, promover unha correcta hixiene postural dos nenos e nenas, “que pasan moitas horas ao día sentados, normalmente mal, e moitas veces sen un mobiliario adecuado” foron nese senso algúns dos aspectos destacados polo conferenciante no relativo a este labor preventivo.

O mobiliario escolar e a súa adecuación aos nenos e nenas é de feito o eixo do proxecto no que se insire esta actividade, que se viu complementada por un taller no que os docentes responsables desta iniciativa amosaron ao alumnado como realizar unha serie de medicións que lles permitan “coñecer a medida ideal da cadeira e da mesa” que cada neno tería que empregar na aula, como explicou Prieto.

Facer filosofía cos nenos e nenas

Esta conferencia viuse precedida na facultade polo relatorio no que o filósofo e escritor Diego Horschovski puxo de relevo a importancia da filosofía na educación. “A filosofía permite desenvolver o pensamento crítico, xerar unha autonomía de pensamento, sostivo Horschovski, que cursou o grao en Filosofía na USC, na conferencia organizada pola profesora Inés Lareo celebrada na tarde deste mércores. Integrante do colectivo Filosofía a pé de rúa, Horschovski incidiu en que “a filosofía é sempre unha disciplina incómoda para o sistema, porque dalgunha maneira ou outra pon en cuestión todo o que ocorre”, mais ao mesmo tempo recoñeceu que, tras anos nos que “viu reducida a súa presenza nas aulas”, esta disciplina “está de moda” na actualidade, grazas a series de televisión ou libros de divulgación, pero tamén grazas á crise económica, “que foi moi importante para que disciplinas críticas como a filosofía renacesen”.

A partires de aí, Horschovski, que imparte talleres de filosofía a nenos e nenas, buscou pór en valor a importancia de que as futuras e futuros docentes incorporen ao seu labor profesional “métodos que fomenten as preguntas e o debate”. Á hora de achegar esta disciplina á infancia, explicou, “o importante é facer filosofía con eles, exercitar o pensamento crítico a través do diálogo”. O conferenciante explicou nese senso como valéndose de recursos como xogos, debuxos ou imaxes busca xerar con nenos e nenas un “diálogo participativo e horizontal”, que contribúa tamén “a xerar confianza nos rapaces”. Non en van, “a filosofía vén a pór en dúbida todas as nosas crenzas, pero tamén nos axuda a desenvolver un pensamento, a construír unha argumentación”, subliñou Horschovski, que lembrou que nenos e nenas “son moi curiosos por natureza, porque estanse construíndo como persoas”. Por iso, subliñou que “o natural é que se fagan preguntas e o natural é respondelas, porque se fan preguntas é porque están preparados para as respostas, aínda que evidentemente haxa que facelo con tacto, sabendo adecuar a linguaxe, sendo amable…”.