A fotografía serve para retratar diferentes realidades e mesmo denunciar desigualdades. Con este obxectivo, ao abeiro do Día Internacional da Muller, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo organiza o concurso de fotografía MULLE.Rme para dar visibilidade ao sexo feminino nas profesións técnicas. O certame está aberto a todo o público, de calquera idade, dedicación e xénero, que se anime a participar capturando instantáneas tanto en cor ou en branco e negro e mediante calquera técnica. O único requisito é amosar a muller como protagonista activa na realización de diferentes tarefas dentro da enxeñaría de minas e enerxía, ou, pola contra, pór de manifesto a masculinización da profesión.
As imaxes deben ser orixinais e deberán conter situacións, paisaxes ou circunstancias ligadas a actividades como a xeración, a transformación, o transporte e uso de enerxía, ademais das enerxías renovables, a explotación de minerais e rocas, os túneles e obras subterráneas, a restauración de espazos mineiros, a avaliación de impacto ambiental, a fabricación e uso de materiais ou os explosivos, entre outros.
Unha primeira edición con 500 euros en premios
Todas as persoas que queiran participar nesta primeira edición de MULLE.Rme poden enviar antes das 23.59 h do 27 de febreiro, ata tres propostas orixinais en formato dixital, aínda que só unha poderá ser premiada. O fallo do xurado será publicado na páxina web do centro o día posterior ao peche do prazo de presentación dos arquivos, é dicir, o día 28 de febreiro. Non obstante, non será ata o día 8 de marzo cando se faga entrega dos galardóns nun acto organizado pola escola ao abeiro da celebración do Día Internacional da Muller. A primeira persoa clasificada levarase unha cámara réflex valorada en 300 euros; unha mochila fotográfica valorada en 50 euros será para o segundo posto e o accésit, un pau de autofotos valorado en 30 euros, será para o terceiro. Ademais, as obras premiadas exporanse temporalmente, xunto con todas as demais presentadas, no vestíbulo da escola.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.