A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presidirá este xoves a Gala do Deporte de Elite da institución na que se lles renderá homenaxe ás novas promesas e aos deportistas de alto nivel da provincia de Pontevedra. O acto de recoñecemento, que terá lugar mañá ás 20.00 horas na escalinata exterior do Pazo provincial, será conducido por Terio Carrera e Begoña Fernández e contará con personalidades históricas do deporte provincial, actuacións musicais e audiovisuais.
A gala servirá para recoñecer o esforzo de 112 deportistas que teñen recoñecida a categoría DepoDan e das e dos 71 que acadaron o recoñecemento de DepoPromesa en función dos resultados deportivos dos anos 2017 e 2018. A través destes recoñecementos, contarán coa colaboración da Deputación en forma de bolsas que contribuirán á súa participación en competicións internacionais e nacionais no 2019 para seguiren, deste xeito, sumando logros deportivos.
O xornalista Terio Carrera e unha das xogadoras máis importantes de balonmán, a viguesa Begoña Fernández, que foi capitana da selección española, serán quen se encarguen de recibir as persoas asistentes e darlles a benvida e de conducir o evento. Carrera e Fernández daranlles paso tamén ás diferentes pezas musicais a cargo do dúo Two in the Mirror (baixo e voz) e ao audiovisual.
Ademais, no transcorrer da gala haberá espazo para lles conceder protagonismo a aqueles e aquelas que tanto lle deron á provincia coa súa traxectoria deportiva, neste caso, dúas personalidades históricas do deporte: Álvaro Pino e Cristina Fernández. Así, Pino, exciclista, gañador da Vuelta Ciclista a España, e Fernández, exárbitra internacional e actual responsable da arbitraxe feminina do Comité Técnico de Árbitros/as da Real Federación Española de Balonmano, darán conta das súas propias vivencias ao longo das súas respectivas carreiras deportivas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.