A Escola de Música Municipal José Silva Torres iniciou as clases

A Escola de Música Municipal José Silva Torres iniciou o curso con máis de 40 alumnos inscritos.
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Galicia,O Grove

A Escola de Música Municipal José Silva Torres iniciou as clases

O Concello do Grove informa que o pasado día 20 comezaron as clases de música na Escola de Música Municipal José Silva, con máis de corenta rapazas e rapaces inscritos. O presente curso as clases estenderanse ata o 20 de xuño,  distribúense de luns a venres, en horario de tarde, e contan con varias modalidades, tales como Música e Movemento, para nenas e nenos de 4 e 5 anos; Linguaxe Musical, para rapazas e rapaces de ata 7 anos ou máis máis (divididos en grupos segundo o seu nivel), e clases de instrumento, entre os que se ofertan guitarra, violín, piano, percusión, violonchelo, clarinete e óboe, entre outros, sendo os máis demandados piano e guitarra.

Aínda quedan prazas libres e continúa aberto o prazo de matriculación. As persoas interesadas en matricularse poden facelo no Rexistro do  Concello, situado no baixo do edificio administrativo municipal (rúa Alcalde Xacobe Barral Otero, 3), onde deberán entregar debidamente cuberto  un impreso, que poden retirar no propio rexistro, ou descargalo da páxina web do Concello (www.concellodogrove.es). No mesmo impreso poden consultar as normas de funcionamento e o prezo de cada actividade. Para máis información acerca das clases, horarios, etc., poden chamar ao número da Escola de Música (616 300 749) ou enviar un correo electrónico a esmuogrove@gmail.com.

Cómpre salientar que se trata dunha actividade con moi boa acollida desde os seus inicios e que ten unha gran demanda, incluso é moi probable que se amplíe o número de persoas matriculadas nos próximos días, o que indica a alta sensibilidade artística que hai no municipio do Grove. O Concello prevé trasladar a Escola de Música ao Auditorio Municipal, unha vez rematadas as obras, o que facilitará a asistencia de máis rapazada por contar cunhas instalacións máis amplas e mellor dotadas para a docencia musical.