A Fundación Matrix acosa ás traballadoras denuncia a Secretaría das Mulleres da CUT

Publicado por o día 27/02/2020 na sección de Galicia,CUT,Protestas,Sindicatos,Vigo

A Fundación Matrix acosa ás traballadoras denuncia a Secretaría das Mulleres da CUT

Esta mañá un grupo de traballadoras organizadas na Secretaría das Mulleres da CUT con outros colectivos de mulleres e grupos feministas de Vigo concentrouse diante das oficiñas que ten a Fundación Matrix dentro do recinto da Universidade de Vigo para denunciar publicamente a grave situación de acoso laboral que se produce no seo desta empresa que se autodefine como “unha organización privada sen ánimo de lucro comprometida cos principios universais de sostibilidade”. 

A Fundación Matrix, e en especial o seu director executivo, acumula gran número de maltratos continuados ás súas traballadoras. Este directivo é responsable das múltiples baixas médicas por ataques de pánico, ansiedade e depresión que se dan entre mulleres nesta Fundación. Tan normalizado e sobrepasado está o seu maltrato que non sorprende que haxa traballadoras que duren tan só 24 horas no posto de traballo.

O director executivo de Matrix fai que plantillas enteiras sexan renovadas unha e outra vez, xerando situacións tan violentas que provocan mesmo que as mulleres abandonen o traballo. Moitas delas chegan doutros lugares da Europa ou da península para traballar na Fundación lonxe da súa contorna afectiva, unha situación que este mando aproveita para exercer aínda máis presión sobre elas.

“Non se trata dun caso illado; son anos de maltrato psicolóxico continuado agochado baixo o silencio das agredidas, que rematan deixando o posto non ter que tratar co seu maltratador. O abuso de poder exerceo tamén sobre os traballadores homes” manifesta a Secretaría das Mulleres da CUT.

“”Pois xa basta porque non o imos permitir máis”. “Hoxe poñemos punto final a este silencio”. “Non imos permitir máis esta opresión, este maltrato contra mulleres que traballan nesta Fundación que se financia maioritariamente con cartos públicos, subvencións estatais solicitadas e concedidas para promover a igualdade de xénero nas escolas, institutos e centros de traballo”. “Quen subvenciona este tipo de partidas sen ningún tipo de control que asegure ou certifique a coherencia e a integridade das empresas que as reciben é cómplice do maltratador””. argumenta a Secretaría das Mulleres da CUT

“Non imos tolerar a existencia de centros de traballo nos que se nos intimide, asoballe e se nos agreda, dun ou doutro xeito. Mais sabemos que non estamos soas, que só loitando e berrando unidas podemos acabar co machismo”. “Ningunha agresión sen resposta!”, concluen.