A coincidencia de data de celebración das eleccións xerais do 28 de abril coa carreira HappyGoRunning-Cidade Universitaria supuxo un reto para o Servizo de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A mes e medio da cita, a organización viuse obrigada a suspender temporalmente as inscricións ata acordar unha nova data. Finalmente, a carreira universitaria, inserida no Circuíto RunRun Vigo de Carreiras Populares, celebrarase un día antes do previsto, o sábado 27 en horario de tarde.
A carreira comprende tres modalidades deportivas, unha distancia curta, unha longa e unha andaina. As dúas carreiras desenvólvense sobre un circuíto de 3.333 m. que transcorre entre os vieiros interiores do campus e a entrada á Cidade Deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. As persoas que opten pola distancia curta, 6.6 km, deberán dar dúas voltas ao circuíto, mentres que a longa, de 10 km, serán tres voltas. O percorrido da andaina, pola súa banda, transcorrerá pola contorna do campus universitario cunha lonxitude de 10 km.
A carreira terá a saída ás 17.30 h dende a Piscina Universitaria, e os dorsais entregaranse dende as 15.00 h e ata media hora antes do comezo da carreira, na secretaría situada no Teatro Vidal Bolaño. A saída da andaina será ás 16.00 horas dende a porta do Teatro Vidal Bolaño. A organización da carreira, na que ademais da Universidade de Vigo colaboran entidades como o Concello de Vigo, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, busca tamén persoas voluntarias para axudar nos labores de desenvolvemento desta cita deportiva, que poden anotarse na páxina de Voluntariado da HappyGoRunning – Cidade Universitaria.
Inscricións ata o 24 de abril
O prazo de inscrición en calquera das modalidades da HappyGoRunning-Cidade Universitaria está aberto ata ás 23.59 h. do mércores 24 de abril. O prezo varía entre os 5 € para as persoas pertencentes á comunidade universitaria das universidades de Galicia e o norte de Portugal e os 7 € para o resto de participantes, mentres que o prezo da andaina é de 4 €. De cada unha destas cotas, destinarase 1 € a un proxecto solidario da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Para facilitar a participación, as persoas participantes poderán facer uso dun servizo de ludoteca na cafetería Leonardo da Vinci de 16.00 a 19.00 con posibilidade para os nenos e nenas de participar nunha actividade na piscina. Tamén haberá menús por 5 € no restaurante Di LaMama situado na área comercial de Cidade Universitaria.
Campionato Provincial Escolar de Orientación
Antes da clásica cita deportiva coa HappyGoRunning o vindeiro mes, o campus de Vigo continúa acollendo eventos e competicións. Un deles, este mércores 13 de marzo, é o Campionato Provincial Escolar de Orientación, que hoxe luns se presentou en rolda de prensa, coa presenza de Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria; Guillermo Reinaldo, coordinador de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, e representantes da Federación Galega de Orientación.
En total, participarán nesta proba 300 escolares na categorías infantil e cadete que se clasificaron nos Campionatos Zonais desta especialidade, procedentes do CPI Covaterreña, CPI Mondariz, IES Chapela, IES de Barro, IES Montecarrasco, IES San Paio, IES Xunqueira II e CPR San José de Cluny. As probas desenvolveranse entre as 10 e as 13 horas.
Pablo León, campión do X Spring Senior Open Tennis Tournament
Esta fin de semana deixou tamén boas noticias deportivas para a Universidade de Vigo. Pablo León Reyero, xogador do equipo da Universidade de Vigo, gaña un ITF sénior +45 grado 2, tras vencer no seu percorrido a grandes rivais. Impúxose nos cuartos de final cun gran resultado de 6-3 6-4 ao cabeza de serie número 1, o romanés Sorin Donescu; superou un duro encontro en semifinais, levantando un 1-6 en contra ante o alemán Mirko Haefner, co resultado final 1-6 7-6(6) 7-6(6) e, por último, na final gañou ao cabeza de serie número 2, o alemán Michael Austen (GER) cun 7-6(1) 6-0.
Por outra banda, o equipo masculino B acadou unha gran vitoria fronte o Tenis Porriño, derrotando a este por un parcial de 6-0, que outorga a unha posibilidade de loitar por entrar nos play-off de cara o ascenso de categoría.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.