A Hora do Código volve ao campus de Ourense para introducir a rapazas e rapaces no mundo da programación

As prazas dispoñibles para os diferentes obradoiros son 300
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

A Hora do Código volve ao campus de Ourense para introducir a rapazas e rapaces no mundo da programación

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia únense este sábado, 19 de xaneiro, unha vez máis á celebración da Hora do Código, iniciativa internacional promovida pola organización Code.org. Rapazas e rapaces de 6 e 18 anos están chamados a participar nun amplo abano de obradoiros de balde que se celebrarán nas instalacións universitarias co reto de espertar nelas e neles a curiosidade pola programación.

O obxecto da iniciativa, explican desde a súa organización, é achegar dunha forma lúdica e divertida o mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, pretende estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o ocio á educación. A xornada desenvolverase nas aulas do edificio politécnico do campus de Ourense de 9.00 a 19.30 horas, con prazas dispoñibles para arredor duns 300 rapaces e rapazas que poderán estar acompañados na aprendizaxe polos seus proxenitores. As actividades desenvolveranse coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas TICs no ámbito educativo.

Francisco Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, destaca como esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”, afirma.

Oito modalidades de obradoiros

Durante a celebración impartiranse en paralelo diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cine e vídeo en 3D, impresión en 3D, drones, realidade virtual e Nenoos Tech. Centrados en programación haberá un obradoiro de Iniciación á programación, na que as e os participantes (de 6 a 10 anos) poden aprender a programar con xogos de Minecraft, Disney, Starwars ou Frozen. Tamén haberá talleres de iniciación á programación con Scratch, para rapazas e rapaces de 10 e os 18 anos, e de iniciación á programación con Arduino, destinado ás mesmas idades.

En Cine e vídeo en 3D, as e os participantes afondarán na creación dun escenario de animación empregando Alice 3.0 e en Coñece a impresión en 3D, recomendado entre os 6 e os 18 anos, poderán ver como se fan pezas e se traballa con impresoras deste tipo. Pola súa banda o obradoiro Coñece os drones, destinado a público de 6 a 18 anos, amosará como funcionan estes vehículos, desde os de xoguete ata os de traballo profesional, podendo as e os participantes voar algún apto para as súas idades.

No taller Crea o teu mundo. Realidade virtual, destinado a rapazas e rapaces de 10 a 18 anos, as e os participantes poderán crear o seu propio escenario e navegar por el con gafas de realidade virtual. Por último o obradoiro Nenoos Tech, para o grupo de idade de 6 a 9 anos, combinará deseño, construción, matemáticas e ciencias para aprender robótica e programación de forma divertida.

Iniciativa sen ánimo de lucro

A Hora do Código está promovida desde 2013 pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org®. Trátase dun evento internacional que consiste nunha introdución dunha hora de duración ás ciencias da computación, deseñada para mostrar que todo o mundo pode aprender a programar e así comprender os fundamentos básicos desta disciplina. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en informática. O seu obxectivo é que todas e todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.