A Mesa pola Normalización lingüística, principal entidade social de promoción e defensa da lingua galega, instou hoxe a todas as forzas políticas en condición de pactaren para para a conformación dun novo goberno no Estado, a incluíren entre os acordos de goberno o recoñecemento práctico e real da igualdade de dereitos e deberes das linguas propias.
En palabras do presidente da Mesa, Marcos Maceira, “esta proposta de recoñecemento e garantía da igualdade lingüística é unha proposta a favor da liberdade, do pluralismo e da democracia, á que só se pode opor a extrema dereita” ao ser “unha necesidade democrática e social”.
Baseándose no manifesto Igualdade lingüística -que defende a liberdade, a pluralidade e a democracia e que xa lle foi remitido a todas as forzas políticas- emprázase aos partidos a asumiren eses tres principios para garantir unhas sociedades xustas e con dereitos e deberes iguais para toda a cidadanía e non só para aquelas persoas que utilizan o castelán. Esta mesma mañá, Néstor Rego, deputado electo do BNG no Congreso, visitará a sede da Mesa pola Normalización Lingüística para coñecer o documento de primeira man.
Este manifesto, que recolle a situación de desigualdade das linguas diferentes do castelán no Estado español, foi presentado o pasado mes de outubro en Madrid pola Mesa pola Normalización Lingüística xunto coas principais organizacións de defensa das linguas no Estado: Kontseilua (eúscaro); Plataforma per la Llengua, CIEMEN, Omnium cultural e Acció Cultural del País Valenciá (Catalán); Iniciativa pol asturianu (Astrurias); e Nogara (aragonés). Todas elas lle propoñen conxuntamente ás institucións e partidos políticos seis medidas para garantir o cumprimento de acordos e tratados como a Carta europea das linguas rexionais ou minorizadas, a Declaración universal dos dereitos lingüísticos ou o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos.
Manifesto completo: Manifesto a prol da pluralidade lingüística_ liberdade, igualdade, democracia
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.