A mostra ‘Novos Valores 2019′ pecha as súas portas no Museo de Pontevedra con preto de 7.500 visitas

Expuxéronse ao público 35 pezas, sendo catro delas seleccionadas coas bolsas artísticas de 7.500 euros
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A mostra ‘Novos Valores 2019′ pecha as súas portas no Museo de Pontevedra con preto de 7.500 visitas

A exposición ‘Novos Valores 2019′, formada polas 31 pezas seleccionadas e as catro creacións recoñecidas coas bolsas para novos artistas , foron visitadas no Museo de Pontevedra por preto de 7.500 persoas, unha cifra considerada un éxito. A mostra tivo a meirande afluencia de público ao longo do mes de agosto, sendo visitada dende a súa inauguración (o día 8) por 5.782 persoas, e xa por 1.686 entre principios do mes de setembro e o día de onte, día da clausura.

As pezas principais foron creadas por Mohamed El Amine Asselman (‘Ordersound’), Elena Matamoro Gómez de los Infantes (‘La mirada que escucha’), Rosa Pardal Aragunde(‘Habitación nºA’), e Alba Castillo Costa, coa escultura denominada ‘Maleza’, que resultaron gañadores das catro bolsas do certame Novos Valores de entre as 110 persoas participantes no concurso nesta edición de 2019.

Ademais das e dos bolseiros que recibiron as achegas de 7.500 euros, o xurado tamén seleccionou outras 31 pezas, sete obras de pintura, nove de fotografía, tres debuxos, cinco esculturas, un vídeo, sete gravados, e tres pezas clasificadas no epígrafe como ‘varios’. Xa na inauguración da mostra o director do Museo, Jose Manuel Rey, quixo valorar o grande número de obras presentadas a esta edición, a existencia de moi diferentes traballos en todas as disciplinas artísticas, así como a súa calidade.

O xurado seleccionador das propostas estivo composto polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García; a artista e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e Deporte de Pontevedra, Itziar Ezquieta Llamas; a crítica e comisaria de arte Mercedes Rozas Caeiro; a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Silvia García González; a crítica e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Susana Cendán Caaveiro; o deputado da Deputación de Pontevedra Carlos López Font; o secretario da Deputación de Pontevedra, Carlos Cuadrado Romay; e o director do Marco, Miguel Fernández-Cid Enríquez.

Visitas de verán, todo o mes de setembro

O Museo de Pontevedra manterá o programa de visitas guiadas gratuítas organizado para os meses de verán durante todo o mes de setembro no mesmo horario. Así, todas as persoas que o desexen poderán percorrer as coleccións do Museo de Pontevedra acompañadas de persoal técnico sen necesidade de concertar cita.

Para as visitas individuais aos edificios Sexto e Sarmiento, de martes a sábado os horarios de inicio serán as 12 horas polas mañás e as 18 horas polas tardes. Os domingos haberá unha única quenda ás doce do mediodía. Para a visita de grupos organizados é necesario concertar a visita con antelación no gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 804 100 extensión 42412/13 (en horario de 8:30 h a 14:30 h).