A música galega será protagonista no programa Showcase Scotland do vindeiro festival Celtic Connections de Glasgow

A Agadic impulsa esta iniciativa para promover a actuación de seis grupos ou solistas de Galicia no marco da 26ª edición do evento, que se desenvolverá na cidade escocesa do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2019
Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Cultura

A música galega será protagonista no programa Showcase Scotland do vindeiro festival Celtic Connections de Glasgow

Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Xunta, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), impulsa esta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados.

A organización abre ata as 17,00 h. (hora local escocesa) do 21 de setembro o prazo de inscrición de propostas musicais galegas para levar a cabo a selección artística. Tal como se especifica no documento ao que se accede no sitio web oficial do encontro (https://www.celticconnections.com/blog), cada unha das seis bandas ou intérpretes desenvolverá un concerto cunha duración mínima de 40 minutos, ademais de ter a oportunidade de ser elixida para actuar no Festival Club, nas sesións BBC ou na gala inaugural do festival.

Ademais de ao público xeral, os recitais promovidos polo programa Showcase Scotland no Celtic Connections serán seguidos polos delegados internacionais acreditados pola organización, entre os que se atopan axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográfico, managers e medios de comunicación dunha vintena de países.

Uns 200 profesionais desprázanse cada ano ata Glasgow para asistir aos concertos desta iniciativa, posta en marcha para impulsar a proxección exterior dos novos talentos musicais escoceses xunto cos do país convidado, que en 2018 foi Irlanda.

Con este acordo, a Axencia Galega das Industrias Culturais busca ofrecerlles aos grupos galegos novas oportunidades de internacionalización a través da súa actuación nun evento que lles permitirá entrar en contacto directo con empresas promotoras e axentes de todo o mundo.