A aplicación dos últimos avances da neurociencia no proceso de aprendizaxe e as posibilidades que achega á produción artística a impresión tridimensional, xunto coas novas tendencias na prevención e recuperacións de lesións no depote e as posibilidades que outorga a robótica e o encerado dixital no ensino das ciencias. Estas son as catro temáticas que centran a oferta de cursos de Extensión Universitaria que a Vicerreitoría do campus promove para este verán e para os que desde este luns permanece aberto o período de inscrición. Con 250 prazas en conxunto e abertos á participación de toda a cidadanía, estas catro propostas desenvolveranse no mes de xuño nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes e nelas combínanse “novas propostas que serven tamén para completar a formación do alumnado do campus, xunto con cursos que tiveron moi boa acollida en anteriores edicións”, como salienta o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho.
Ferramentas para futuras e futuros docentes
“As últimas investigacións en neurobioloxía sobre o funcionamento do noso cerebro na aprendizaxe demostran cousas que xa sabíamos pero que non se aplican, como que o aumento da consolidación de novos coñecementos está relacionado coa creatividade, coa curiosidade, co movemento, coa autonomía, é dicir con factores de motivación intrínseca”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Pino, responsable de Aplicacións da neuroeducación na escola. Entre o 4 e 8 de xuño, investigadores e investigadoras do grupo Gies-10, que coordina esta docente, e da rede Ries abordarán, partindo dos principios da neuroeducación, técnicas e estratéxicas para aumentar a motivación do alumnado na aula ou para facilitar a inclusión tanto de alumnado con dificultades de aprendizaxe como con altas capacidades.
Nesta facultade desenvolverase tamén, entre o 5 e o 21 de marzo, Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para encerado dixital, un taller coordinado pola profesora María Álvarez Lires que dá continuidade aos cursos de verán celebrados nos últimos anos, incorporando novos contidos. Nese senso, o manexo do kit Science Learning Resources e o desenvolvemento de novas actividades interactivas para o encerado dixital figuran entre os novos contidos dun taller dirixido a “desenvolver as competencias tecnocientíficas do futuro profesorado”, como sinala outra das responsables desta actividade, a investigadora María Lorenzo.
Deporte e saúde, arte e tecnoloxía
Entre as actividades inseridas nesta programación figura tamén Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte, un curso dirixido polo catedrático Carlos Lago que dá continuidade a seminarios anteriores poñendo o foco novas tendencias na prevención e recuperación de lesións, dar a coñecer as posibilidades laborais que no eido do deporte. De carácter fundamentalmente práctico e dirixido tanto a estudantes e profesionais vinculados ao eido do deporte como ao sanitario, o curso que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte reunirá no campus a “profesionais excelentes” formados ou vinculados a esta facultade, como o profesor Luis Casais, preparador físico no FC Rostov ruso; o preparador do Beijing Renhe Eduardo Domínguez; o fisioterapeuta do Rubin Kazan Juan Martínez Fernández ou o readaptador do Newcastle Cristian Fernández.
Por último, tamén o 4 de xuño dará comezo, na Facultade de Belas Artes, outra das novidades desta oferta formativa, o curso Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, unha actividade que dá continuidade a outros obradoiros sobre impresión 3D que se desenvolven no campus centrándose desta volta “no aspecto creativo desta tecnolóxica e as súas posibles aplicacións no ámbito das artes plásticas e belas artes en xeral”, como sinala o seu responsable, Ignacio Pérez.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.