A nova web do ORAL recibe máis de 42.000 visitas nos seus primeiros tres meses de vida

A nova plataforma, ferramenta de consulta para as persoas dos concellos con tributos delegados no ORAL, facilita a xestión e potencia a transparencia
Publicado por o día 21/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A nova web do ORAL recibe máis de 42.000 visitas nos seus primeiros tres meses de vida

A nova páxina web do ORAL (https://www.depo.gal/oral-xestion-tributaria-e-catastral) recibiu máis de 40.000 visitas entre a súa posta en marcha, a finais do mes de setembro, e o 31 de decembro de 2019. En concreto foron 42.141 as persoas que accederon a esta nova plataforma, que consiste nunha nova ferramenta de consulta para as persoas contribuíntes dos concellos con tributos delegados no ORAL, actuando de ponte entre a web da Deputación de Pontevedra e a oficina virtual tributaria.

O obxectivo desta nova web é darlle unha maior visibilidade ao ORAL, centralizando toda a información sobre o mesmo nun único punto. Tal e como explicara Carmela Silva durante a súa presentación, o 24 de setembro, “facilitamos as xestións e aumentamos a transparencia de cara aos concellos e á cidadanía”.

Trátase dunha web informativa que tamén permite realizar algunhas operacións básicas. Desde o inicio, as usuarias e usuarios atopan información destacada sobre períodos de cobranza, novas delegacións, proxectos relacionados co ORAL ou avisos sobre as cobranzas, entre outras cuestións de interese, e a súa estrutura é a seguinte:

  • Quen somos: cun resumo sobre os obxectivos que persegue a Deputación de Pontevedra, a misión, visión e valores, as delegacións de cada concello, a súa estrutura orgánica, datos de persoal, competencias, acceso ás memorias do ORAL en cada exercicio.
  • Sedes e horarios de atención.
  • Coñece os teus tributos: información detallada sobre cada imposto e taxa xestionada polo ORAL: as definicións, como se calculan, os procedementos que se poden tramitar… e tamén as preguntas frecuentes que poden ser de interese para a cidadanía.
  • Información ás persoas contribuíntes: información para que as persoas contribuíntes poidan cumprir coas súas obrigas tributarias dunha maneira cómoda e flexible.
  • O meu concello: Neste apartado poderase atopar información relativa a cada concello: as delegacións que ten no ORAL, os tipos impositivos e tarifas de cada tributo e as ordenanzas fiscais reguladoras de cada un.

Ademais, en todas as páxinas hai tres accesos directos desde a parte inferior: a un formulario de contacto, unha listaxe de preguntas frecuentes estruturadas por temáticas, e unha enquisa de satisfacción.