A novena edición de AuGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, arranca esta tarde coa conferencia Novas propostas de narración audiovisual, que o realizador Pepelu Viñas Orta ofrecerá ás 16,00 h. na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Alí desenvolveranse tamén os dous obradoiros e as outras cinco sesións incluídas no novo programa desta iniciativa, que promoven ata o vindeiro 18 de decembro a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, e a Universidade de Vigo.
As súas actividades para este curso lectivo foron presentadas hoxe na Casa das Campás por Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o profesor Paulino Pérez, coordinador de AuGAL xunto con Miguel Anxo Fernández.
O responsable da Agadic fixo fincapé no “protagonismo absoluto” do audiovisual galego neste ciclo, que nas súas oito edicións precedentes contou coas achegas de arredor de 90 profesionais do sector e proxectou preto de 70 traballos claves do noso cinema e da nosa televisión.
Antigos alumnos no profesorado
Sutil mostrou, así mesmo, a súa satisfacción polo feito de que moitos dos estudantes que durante estes anos pasaron por AuGAL estean xa incorporados ao mercado laboral como profesionais do sector. É o caso, por exemplo, do guionista e director redondelán Ángel Filgueira, quen o vindeiro día 27 participará na sesión que se lle dedica á súa primeira longametraxe, Sevilla y Gomorra.
A continuación, a directora e guionista Olga Osorio estará co alumnado da Master Class do Audiovisual Galego o 28 de novembro para abordar o proceso de realización dunha curta a partir dos seus premiados traballos ReStart, Einstein-Rosen e Mouras.
O 4 de decembro será a quenda doutra longa de ficción, La felicidad de los perros, que será presentada por David Fernández, o seu director e coguionista, mentres que o produtor Sergio Frade estará no Campus da Xunqueira o día 12 dese mes coa longametraxe documental Gallo, unha coprodución vasco-galega encabezada por Frida Films e Marmoka Films.
En canto aos dous obradoiros deste ano, serán impartidos por Pepelu Viñas Orta e Pepe Coira. O primeiro deles, programado para mañá día 13 e para o xoves 14, versará sobre innovación e creatividade arredor de apartados como a figura do cineasta, as ferramentas transmedia ou a análise de casos.
O segundo deles, Para que serve un guión?, correrá a cargo de Pepe Coira, creador xunto ao seu irmán Jorge de Hierro, produción de Portocabo para Movistar+. A cita será o 21 de novembro.
A novena edición de AuGAL chegará ao seu fin o 18 de decembro coa conferencia de clausura Claves da dirección de produción na coprodución, para a que se contará con Ana Míguez, presidenta da Academia Galega do Audiovisual e directora de produción da devandita serie Hierro.
Como en anos anteriores, a Master Class do Audiovisual Galego está dirixida tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e debe formalizarse enviando ao correo electrónico axendcsc@gmail.com ou entregándolle ao secretariado do curso o formulario de inscrición que pode descargarse na web da Agadic. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.