A ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra en decembro medrou cinco puntos máis que no 2018, segundo o Observatorio da Deputación

Carmela Silva confirmou que o crecemento foi ata dez puntos superior ao mesmo mes no 2018 nos establecementos de turismo rural, e ata quince veces nas vivendas turísticas
Publicado por o día 18/01/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

A ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra en decembro medrou cinco puntos máis que no 2018, segundo o Observatorio da Deputación

Os datos de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra en decembro de 2019 amosan novamente resultados positivos con respecto ao ano anterior. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, confirmou un incremento de cinco puntos en decembro con respecto ao mesmo mes no 2018 e de ata dous puntos no período concreto de Nadal, segundo os estudos de Turismo Rías Baixas.

No caso do período de Nadal, as comarcas que rexistraron unha maior suba foron as de Deza e Terra de Montes (con 13,8 puntos máis), O Condado e A Paradanta (9,3 puntos máis), Vigo (8,3 puntos máis), Caldas de Reis (incremento de 8,1 puntos) e O Morrazo (5,1 puntos máis). Pola súa banda, durante todo o mes de decembro tamén se rexistraron importantes crecementos nas comarcas do Condado e A Paradanta (con ata 29,2 puntos máis), Caldas de Reis (cunha suba de 26,2 puntos), O Morrazo (con arredor de 12 puntos máis), Deza e Terra de Montes (con 6,1 puntos máis) e Vigo (con 1,3 puntos máis).

En canto ás cidades, Vigo liderou os incrementos de ocupación hoteleira. Segundo os datos do barómetro provincial, o concello vigués chegou ao 90 % de ocupación entre o 27 e 29 de decembro e ao 100 % entre o 29 de decembro e o 5 de xaneiro, cunha media de 72,3 % durante o último mes do ano.

Ao igual que aconteceu cos establecementos hoteleiros, tamén se detectou un importante crecemento en canto ao turismo rural, que superou en dez puntos os resultados que se acadaran en decembro de 2018. Neste caso, o Morrazo chegou a rexistrar unha suba de 30,7 puntos con respecto ao mesmo mes en 2018. Tamén a comarca de Vigo rexistrou ata 17,2 puntos máis, Deza e Terra de Montes subiu ata 11 puntos, Pontevedra rexistrou 8,7 máis, O Salnés tivo un incremento de 8,4 puntos, O Condado e A Paradanta contou con 3,6 máis e o Baixo Miño acadou unha suba de 2,7 puntos con respecto a decembro do ano anterior.

Pola súa banda, no mes de decembro as vivendas turísticas acadaron ata 15 puntos máis que en 2018, chegando ao 75 % de ocupación hoteleira. Por localidades, Vigo chegou ao 90 % e ata o 100 % na ponte de decembro, fins de semana e datas clave do Nadal; Sanxenxo acadou o 76 % en todo o mes; Pontevedra superou o 75 % e chegou ao 85 % no Nadal; e Nigrán e Redondela acadaron o 85 %.

Visitantes dos castelos e perfil das persoas turistas

Ademais, 2.182 persoas visitaron os castelos de Soutomaior e Sobroso en decembro, o que supón un centenar máis que no mesmo mes en 2018. 1.325 persoas visitaron o castelo de Soutomaior e 857 o de Sobroso.

En liñas xerais, segundo rexistrou a Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas, as persoas que chegaron ata a provincia de Pontevedra eran españolas (95 %) e proviñan de Madrid, Barcelona, Asturias, Badaxoz e Burgos. O 5 % de persoas estranxeiras viñan de Portugal, Francia, Arxentina, Italia e o Reino Unido. A maioría de visitantes das oficinas de turismo da Deputación de Pontevedra tiña entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis de 4 a 6 días. O 51 % escolleron o destino provincia de Pontevedra por ocio e o 37 % por aspectos vencellados coa cultura.