A OMA segue na procura de voluntariado para minimizar os impactos ambientais no campus de Vigo

Erradicación de invasoras e restauración de hábitats entre as actividades a desenvolver
Publicado por o día 21/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A OMA segue na procura de voluntariado para minimizar os impactos ambientais no campus de Vigo

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo (OMA) está a procurar voluntarios e voluntarias con formación e inquedanzas ambientais e con interese en desenvolver traballos que axuden a diminuílo grao de alteración da natureza na contorna do campus de Vigo. As tarefas a desenvolver están destinadas a involucrar ao alumnado na xestión ambiental e, o mesmo tempo, fomentar a “participación nos estudos, educación e sensibilización respecto ao medio ambiente”, salienta Sergio Ramos, técnico superior da OMA.

Para acadar estes obxectivos, as persoas voluntarias colaborarán en actuacións sobre as especies invasoras, no fomento da biodiversidade e no coidado e restauración de hábitats, como parte das acción necesarias para diminuír os impactos ambientais sobre a contorna do campus. As e os participantes tamén colaborarán en campañas de sensibilización ambiental por medio de actividades específicas como a plantación de árbores ou a elaboración de carteis para a difusión do traballo que se realiza no eido da xestión ambiental. Por último, participarán na elaboración de estudos de diagnóstico ambiental na universidade, cara á valoración do uso de recursos ou da mobilidade na contorna do campus.

Estudantes do ámbito científico-ambiental

A OMA ofrece entre 15 e 20 prazas de voluntariado e, para as tarefas a realizar, necesítanse persoas con sensibilidade e formación ambiental que poidan dedicar un mínimo de dúas a catro horas á semana en horario de mañá. Por iso, para o traballo de voluntariado búscanse perfís “de Ciencias do Mar, Bioloxía ou Ciencias Ambientais”, salienta Ramos, aínda que en anteriores convocatorias participaron alumnos e alumnas doutras titulacións, aos que se lles daba unha formación básica sobre as tarefas a realizar. Isto mudou nos últimos anos porque a demanda aumentou, polo que dende a oficina de Medio Ambiente direccionaron o traballo de voluntariado cara perfís dentro do ámbito científico-ambiental.

Dentro dos labores que máis gustan entre ás e aos participantes no programa de voluntariado da OMA, Ramos destaca que “as saídas ao campo porque se explican que especies invasoras se atacan, cales son os hábitats, que impactos hai e como se corrixen”. Neste senso, dende a OMA solicitase que a xente acuda ás saídas con roupa axeitada ao traballo que se vai desenvolver e, sobre todo, con moitas ganas de aprender.

As persoas interesadas en formar parte deste programa de voluntariado poden inscribirse a través da páxina web da OMA. As e os participantes contarán cun horario flexible en función das actividades establecidas e o alumnado poderá validar 1 crédito ECTS por cada 30 horas de traballo dedicadas ás tarefas do programa.