A participación nas eleccións ao Parlamento de Galicia ás 12 horas é de máis do 19 por cento

Os resultados provisionais poderán seguirse a través da aplicación móbil ou da web https://resultados2020.xunta.gal, segundo vaia avanzando o escrutinio
Publicado por o día 12/07/2020 na sección de Galicia

A participación nas eleccións ao Parlamento de Galicia ás 12 horas é de máis do 19 por cento

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, informou esta mañá de que, ás 12 horas, máis do 19 por cento dos electores galegos tiñan exercido xa o seu dereito ao voto. Nas eleccións de 2016, a participación a esta mesma hora era de ao redor do 15 por cento.

Na comparecencia, á que tamén asistiu a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns, concretou os datos por provincias: na Coruña a porcentaxe é do 18,7 por cento (14,7 en 2016); en Lugo, do 18,1 por cento (15,20 en 2016); en Ourense, do 21,49 por cento (18,24 en 2016); e do 19,7 por cento en Pontevedra (14,21 en 2016).

Está prevista unha nova comparecencia ás 17,30 horas para dar conta do avance de participación da tarde.

Tal e como se avanzou esta mañá, a xornada electoral comezou sen incidencias salientables coa constitución do 100% das mesas electorais: 3.952 distribuídas en 2.395 locais electorais.

En total, o censo electoral nestas eleccións ao Parlamento galego elévase a 2.697.315 persoas xa que, aos 2,23 millóns de electores censados en Galicia, hai que sumarlle os 463.163 inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA).

Para a recollida da información habilitouse un dispositivo do que forman parte 2.667 representantes da administración, que contan con dispositivos electrónicos para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

Ademais, como novidade este ano, hai tamén ao redor de 3.900 representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. Estes persoal está formado, por unha parte, por aqueles representantes da administración que recollen os datos e que, ademais, se presentaron para realizar esta función de prevención sanitaria; e por voluntarios de Protección Civil.

A cidadanía poderá ter acceso aos datos en tempo real na páxina web https://resultados2020.xunta.gal e na aplicación móbil, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos, así como datos de participación segundo se vaian recibindo.