A Prehistoria e Alejandro de la Sota centran os actos do Día Internacional dos Museos

O sábado, con motivo da Noite dos Museos, o alumnado da ESAD levará a cabo dúas representacións escénicas relacionadas con Alejandro de la Sota
Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Prehistoria e Alejandro de la Sota centran os actos do Día Internacional dos Museos

A Prehistoria, a través do fondo permanente do Edificio Sarmiento como do diorama con Clicks que permanece no Sexto Edificio desde o pasado mes de febreiro, será o núcleo das visitas guiadas especiais con motivo do Día Internacional dos Museos. O obxectivo destas sesións é o de amosar parte da colección do Museo de xeito diferente, a través dun tema universal e accesible como é a Prehistoria, e tratando de chegar a un público o máis variado e amplo posible, facendo especial incidencia no público familiar.

Esta programación especial contará con tres sesións. A primeira delas está programada para o xoves 17 ás 11:30 horas, e as dúas seguintes para o venres 18, ás 17.30 horas e ás 19:30 horas. Non é preciso realizar inscrición previa e o punto de encontro é a recepción do Sexto Edificio.

O sábado 19, con motivo da Noite dos Museos e por terceiro ano consecutivo, o alumnado da ESAD preparou un espectáculo ad hoc para o Museo de Pontevedra. Nesta edición, o tema é a figura homenaxeada no Día das Artes Galegas, Alejandro de la Sota, cun espectáculo co que pretenden escenificar o mundo elegante, divertido e natural que caracteriza á obra do artista, e co que percorreran diferentes espazos do Museo. A proposta reúne a un total de 60 persoas e axuda a divulgar a arte galega fóra do seu marco habitual. A intervención incluirá imaxes poéticas que irán acompañadas dun espazo sonoro para permitirlle ao público relacionar a imaxe coa idea que se quere comunicar.

‘Corpo, trazo da arquitectura natural’, que é o título da actividade, conta coa participación das tres especialidades que integran os estudos superiores de Arte Dramática: Interpretación, Escenografía e Dirección de Escena e Dramaturxia, a Escola Superior de Arte Dramática indaga na obra, nos escritos e nos bosquexos de De la Sota.

As representacións, que terán unha duración aproximada dunha hora, darán comezo ás 19 horas e ás 21:30 horas.