A prol dunha alimentación máis sostible nas escolas, a Universidade lanza un curso sobre comedores ecolóxicos

O prazo de preinscrición remata este venres 31 de maio
Publicado por o día 30/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A prol dunha alimentación máis sostible nas escolas, a Universidade lanza un curso sobre comedores ecolóxicos

A alimentación implica a todo o mundo, a maiores e a pequenos, ao medio ambiente e á cadea de produción. Nos comedores escolares, o aspecto alimenticio vólvese máis relevante, xa que, máis aló da inxesta de alimentos, tamén é unha contorna idónea para ensinar bos hábitos dende as idades máis temperás. Neste sentido, implementar eco-comedores nas escolas, lugares onde prime a calidade e a orixe dos alimentos, resulta importante cara á procura dunha boa saúde dos cativos e cativas. Ademais, tamén pode servir para lograr unha sociedade que se comprometa cara á consecución dun desenvolvemento sostible e sustentable.

Neste contexto, a Universidade de Vigo oferta, por primeira vez dentro dos cursos de extensión universitaria de verán, o obradoiro Comedores escolares ecolóxicos: avanzando cara unha economía circular nas Reservas de Biosfera. O curso, que mañá pecha o seu prazo de preinscrición, desenvolverase no salón de plenos do Concello de Allariz entre o 1 e o 5 de xullo. O director do obradoiro, Xavier Simón Fernández, profesor na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, fai fincapé en que a intención do curso é achegar aos asistentes “diversidade de experiencias e a presentación dos casos máis innovadores no ámbito do Estado”. Trátase dunha actividade especialmente destinada as asociacións de pais e nais, produtores ecolóxicos, responsables políticos e xestores de reservas da biosfera,  principais implicados e responsables, en última instancia, de implementar medidas que vaian en favor do desenvolvemento dun compromiso a prol da sustentabilidade nos comedores escolares.

O comedor como ferramenta educativa e a importancia da biosfera

Entre as correntes que se están a desenvolver sobre prácticas alimenticias, se persegue, cada vez máis, unha alimentación sa, equilibrada, ecolóxica e sostible. Neste sentido,“aprender a consumir produtos alimenticios orgánicos e de proximidade significa apostar por outro modelo de produción, un modelo que respecta o medio ambiente, un modelo  onde as persoas son importantes, un modelo onde a calidade e non a cantidade son condutores das decisións”, salienta o director do curso.

En Galicia xa se están a implantar iniciativas a favor de empregar o comedor escolar como ferramenta educativa, levando aos manteis e aos fogóns prácticas de consumo responsable e ecolóxico. “A escola municipal A Caracola , na Coruña é un exemplo. Con propostas que avanzan nesa dirección tamén hai que destacar o proxecto de comedores escolares de Ames, tamén na Coruña”, resalta Simón. Estas iniciativas xorden para que os nenos e nenas aprendan non só a comer, senón tamén a desenvolver prácticas de consumo sostible e respectuoso co planeta.

Os comedores escolares ecolóxicos apostan por ofrecer un menú equilibrado, libre de fritos, procesados, envasados e enlatados, así como por abolir produtos de gama baixa e apostar por aqueles que sexan de tempada e de consumo próximo. Neste sentido, “as reservas da biosfera, e especialmente a reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, están a desenvolver plans alimentarios comarcais que traballan a prol do local e do orgánico. O proxecto desta reserva inclúe un código de boas prácticas que posúe unha etiqueta específica, o que beneficia aos produtores e consumidores, entre eles os comedores escolares”, subliña Simón.

Experiencias prácticas e innovadoras para o fomento dos eco-comedores

De cara a implementación de comedores escolares sostibles e respectuosos coa contorna, o obradoiro centrárase en distintos aspectos como dar visibilidade ao impacto da compra de alimentos de proximidade nas economías locais, coñecer as claves dos eco-comedores escolares, o balanceado de menús, manexo de alimentos e seguridade alimentaria, novas tendencias en modelos nutricionais para os comedores escolares e o futuro da alimentación nos colexios en Galicia.

O alumnado que asista a este obradoiro terá a a oportunidade de achegarse a proxectos que están en marcha en España e Galicia, ao tempo que traballan en grupo sobre aspectos específicos acerca das distintas formas de implementar os eco-comedores nas escolas. O curso completarase con visitas guiadas a diferentes experiencias para que as e os asistentes poidan observar, de primeira man, o funcionamento deste tipo de propostas.