A provincia de Pontevedra, cun 64% de ocupación media en setembro, convértese no “Turismo de referencia” en Galicia

A presidenta da Deputación destacou que “pese á choiva os datos son moi positivos e nos sitúan como a provincia galega onde máis medra o turismo”
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Turismo

A provincia de Pontevedra, cun 64% de ocupación media en setembro, convértese no “Turismo de referencia” en Galicia

A provincia de Pontevedra acadou este pasado setembro unha ocupación media do 64%, tal e como confirmou esta mañá a presidenta da Deputación Carmela Silva. “Trátase dun dato moi positivo, seguimos a ser un turismo de referencia e ter un gran atractivo a nivel nacional e internacional” manifestou a presidenta provincial, quen tamén subliñou que Pontevedra “é a provincia galega onde máis medra o turismo”.

A ocupación acadada en setembro en establecementos hoteleiros da provincia foi do 63,8%, tal e como recolle o estudo desenvolvido pola Deputación de Pontevedra que se asenta en enquisas cun nivel de confianza do 95% e un marxe de erro do 5,15%. Máis polo miúdo, segundo informou a presidenta da Deputación, a ocupación foi do 62,5% na comarca do Salnés; do 67,6% na comarca de Pontevedra (superando o 75% na capital da provincia); do 59% na comarca do Morrazo; do 66,9% na comarca de Caldas; do 75,1% na comarca de Vigo (sendo do 75,5% na cidade de Vigo); do 69,1% na comarca do Baixo Miño; do 40% nas comarcas do Condado e A Paradanta e do 49,3% nas comarcas de Deza e Terra de Montes.

En canto aos establecementos de turismo rural, Carmela Silva detallou que en setembro a ocupación media na provincia foi do 40%. Por comarcas no Salnés a ocupación foi do 43,3%, na comarca de Pontevedra do 40%, no Morrazo do 50%, na de Caldas do 51,4%, na comarca de Vigo do 42% e na comarca do Baixo Miño do 39,1%.

Do 66,2% foi a ocupación media provincial nos albergues. Neste eido, a zona de Caldas acadou un 81%; Vigo un 78%; Pontevedra, O Salnés e O Morrazo un 66% (chegando ao 83% na cidade de Pontevedra) e Deza e Terra de Montes un 47%.

Pola súa banda, as vivendas turísticas superaron o 77,25% de ocupación media na provincia de Pontevedra e do 82% na primeira quincena de setembro. Neste caso, a porcentaxe foi do 73,5% en Sanxenxo, 68% en Cambados, 70% en Poio, 73% en Pontevedra, 70,5% en Vigo, 68% no Grove, 69% en Cangas, 67% en Vilagarcía, 69% en Baiona e 67,5% en Bueu. Ocupan vivendas turísticas, tal e como detallou Silva, familias integradas por 2-4 membros e grupos de amigas/os que están a realizar o Camiño de Santiago. Ademais, o perfil das persoas usuarias deste tipo de aloxamentos proceden de Madrid, Castela e León, País Vasco, Asturias e Cataluña detectándose, neste mes de setembro, un incremento das persoas procedentes do estranxeiro (Alemaña, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Australia e Estados Unidos).

Tamén informou a presidenta da Deputación sobre as persoas que visitaron os castelos da provincia. En total foron 4.427 persoas das cales 2.786 visitaron Soutomaior e 1.641 Sobroso. Ao respecto, Carmela Silva asegurou sentirse “moi satisfeita por estes resultados, xa que  cando nós chegamos ao goberno o número de visitantes aos castelos descendía brutalmente e agora, tralos investimentos realizados, convertéronse en grandes elementos de atracción turística”.

Finalmente, a presidenta provincial deu a coñecer o perfil das persoas turistas que visitaron as oficinas de Turismo Rías Baixas. Neste eido, tratáronse de persoas españolas (80%) procedentes de Madrid, Barcelona, Asturias, Valencia e Badaxoz. No caso das persoas estranxeiras (20%) viñeron dende Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido e Estados Unidos.

Tal e como explicou Carmela Silva, o 50% tiñan entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis (51%) de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, O Grove e Poio principalmente. A estancia media da maioría das persoas que visitaron as oficinas de turismo da provincia foi entre 7 e 15 días e o 40% viñeron ata as Rías Baixas motivados pola cultura, seguido do ocio (18%) e natureza (12%).