A quinta edición do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega este xoves a Ponteareas cunha acción de Estíbaliz Veiga

A iniciativa da artista, titulada Os golpes non son o que máis cicatriz deixa, levarase a cabo ás 11:30 horas no auditorio Reveriano Soutullo
Publicado por o día 07/01/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Ponteareas

A quinta edición do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia zero” chega este xoves a Ponteareas cunha acción de Estíbaliz Veiga

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistirá este xoves, no concello de Ponteareas, á cuarta acción desta edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en acción. Violencia zero“, que se estreou en novembro. A artista Estíbaliz Veiga presentará no auditorio Reveriano Soutullo, ás 11:30 horas, Os golpes non son o que máis cicatriz deixa, unha proposta interactiva que ten como público obxectivo a mocidade. Con esta iniciativa Estíbaliz Veiga fará unha aproximación á personaxe na que está baseada o seu monólogo Golpes a través de métodos moi recoñecidos de interpretación. A finalidade desta acción é que as rapazas e rapaces se decaten do que está a acontecer na sociedade na que vivimos.

Estíbaliz Veiga é presentadora, actriz, escritora de guións e pedagoga teatral, e actualmente presenta o programa Un país en 360 e está de xira con Golpes, un monólogo sobre a violencia machista baseado en feitos reais. Diplomada en Pedagoxía Teatral pola Universidade da Coruña, tamén traballa impartíndolle clases de cinema e intelixencia emocional a alumnado de altas capacidades na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, participou en series de gran audiencia e en cinema, tanto a nivel autonómico coma estatal.

Mulleres en acción. Violencia zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición comezou en novembro de 2019 e, coma a anterior, desenvolverase en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).