A Rede CeMIT, xunto co Programa e Voluntariado Dixital (Voldix), impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran este ano o Día Mundial de Internet coa iniciativa “CeMIT e Voldix contigo: Conectad@s estámolo conseguindo!”. Trátase dun vídeo colaborativo onde axentes TIC, persoas voluntarias e usuarios da Rede CeMIT contan como a tecnoloxía lles axuda a levar o confinamento como consecuencia do Covid-19.
Este ano todos os actos do #diadeinternet estanse a celebrar online, permitindo que calquera cidadán poida participar neles desde a súa casa. O tema central das actividades é destacar o papel da Internet e da tecnoloxía na crise sanitaria.
Actividades das Aulas
As aulas da Rede CeMIT sumáronse a diferentes iniciativas para conmemorar o Día de Internet como a colaboración coa Asociación Somos Digital para difundir a oferta de seminarios en liña e webinars con expertos sobre tecnoloxía en tempos de Coronavirus durante toda esta semana. Esta actividade buscaba sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da Internet así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.
Tamén se ofreceu a posibilidade de participar no #RetoScratch para crear un videoxogo e participar na iniciativa Súmate ao Reto ODS dirixido a formadores e educadores co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre como poden utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos de forma sostible e contribuír así aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Ademais, as actividades en liña programadas desde a Rede CeMIT contan cunha oferta moi variada que abrangue temáticas como o manexo de ferramentas para a realización de videoconferencias e aulas virtuais, buscadores e consellos de navegación, protección de dispositivos electrónicos, iniciación á informática, trámites electrónicos en liña, uso do smartphone, edición de imaxes, ferramentas de control parental, manexo das redes sociais, etc.
A Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital
A Rede CeMIT conta coa colaboración de 92 concellos e está presente nas 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.
O Programa de Voluntariado Dixital conta con preto de 600 persoas voluntarias dixitais que coa súa solidariedade achegan a tecnoloxía á poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.
A rede CeMIT e Voldix son os principais instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer á cidadanía recursos de alfabetización e capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.
Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día de Internet
O 2020 marca no calendario o punto de inflexión entre o momento de balance da Axenda Dixital, que definiu os obxectivos de Galicia na última década, e o punto de partida dunha nova folla de ruta para afrontar os desafíos tecnolóxicos dos vindeiros anos. Todos lembraremos o 2020 como o ano no que a crise da COVID-19 transformou dun xeito sen precedentes o noso xeito de vivir, de traballar e de relacionarnos, poñendo a proba a capacidade de resiliencia e adaptación que temos como sociedade.
Neste Día de Internet cómpre agradecer o esforzo de todos os profesionais das tecnoloxías da información, que ao igual que outros sectores esenciais, amosaron a súa profesionalidade e vontade de servizo, facendo posible traballar sen estar na oficina ou formarse sen estar na escola e sentirnos sempre acompañados a pesar da distancias.
Se quedaba algunha dúbida, a tecnoloxía amosou o seu potencial para construír un mundo que está por imaxinar e tamén xerou inquedanzas, precisamente por esa mesma capacidade de transformación do coñecido e, tamén, por evidenciar a fenda social e vulnerabilidade dalgúns colectivos. Temos a obriga de xerar un marco de confianza que permita avanzar cara unha transformación dixital segura, ética, sostible e inclusiva, dende a perspectiva de conciliar o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica coa salvagarda da privacidade e a protección dos nosos dereitos como cidadáns da Unión Europea.
Tras dez anos avanzando no camiño da dixitalización, abrimos unha nova etapa chea de retos na que a intelixencia artificial e a xestión dos datos cobrarán unha especial relevancia. A Estratexia Dixital de Galicia 2030, que está en elaboración, deber ese punto de encontro no que, cun enfoque multidisciplinar, facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos que deben aproveitar as capacidades e as novas oportunidades que virán da man da tecnoloxía.
Un novo marco estratéxico que non se conforma con adaptarse aos cambios senón que buscar xerar o cambio, cun enfoque centrado nas persoas para contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade tanto a nivel económico, como social e medioambiental.
Comezamos a década anterior convencidos de que o futuro sería dixital, iniciamos a seguinte conscientes de que o presente xa é dixital e de que o futuro aínda o será máis.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.