Este luns, 2 de abril, é o Día do Libro Infantil e Xuvenil, unha efeméride que a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY nas súas siglas en inglés) celebra desde o ano 1967 coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. O seu obxectivo é fomentar o amor polos libros e chamar a atención da sociedade sobre as publicacións para nenas e nenos. Para conmemorar esta data, as bibliotecas de xestión autonómica adscritas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolven unha programación específica, dirixida sobre todo aos máis novos, pero tamén para un público familiar.
Contacontos, obradoiros, mostras bibliográficas, espectáculos ou agasallos son algunhas das propostas que se celebrarán na Biblioteca de Galicia, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na da Coruña Miguel González Garcés, na de Pontevedra Antonio Odriozola, na de Vigo Juan Compañel e na de Santiago de Compostela Ánxel Casal. Tamén a través delas poden os usuarios que estean a cursar primaria ou o primeiro ciclo de secundaria participar no concurso Un conto de H.C. Andersen en banda deseñada. Trátase dun certame convocado pola Organización Española del Libro Infantil y Juvenil, a través de GÁLIX, no que se anima aos lectores e lectoras a escoller o seu libro favorito do autor danés e facer a súa versión do mesmo en viñetas.
Biblioteca Pública de Lugo
Para axudar aos que queiran participar neste concurso, pero non saiban como facelo, a Biblioteca Pública de Lugo organiza o obradoiro de banda deseñada Aprendendo a contar unha historia en viñetas, para nenas e nenos de 6 a 8 anos. Será o venres 6 de abril, ás 18.00 horas e é precisa inscrición previa na sala infantil da biblioteca.
O mesmo día e á mesma hora, pero no salón de actos, haberá un espectáculo de narración oral para público familiar, titulado Amodo, Amodiño. A entrada é libre.
Contacontos
A Biblioteca Pública de Ourense ofrece o día 3 de abril, ás 18.30 horas un contacontos impartido por Susana Vilar, faixo o título Os libros fanche grande, para pequenos de entre 4 e 6 anos. Hai que inscribirse antes na propia biblioteca ou por teléfono.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel terá un contacontos para bebés dos 0 aos 3 anos, Adiviña cantos che conto, a cargo de Almudena Francés, na sala infantil o xoves 5 de abril. O sábado 7 de abril, as historias serán contadas por Anxo Moure, para nenas e nenos a partir de tres anos, con A tenda das palabras. Verbas do bosque. Para as dúas actividades é preciso inscrición previa na biblioteca.
O venres 6 de abril, ás 18.00 horas, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, Bea Campos contará A princesa e o chícharo e outros contos para un público de máis de tres anos de idade. Non é precisa inscrición previa.
E a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés engade os contacontos de Chus Álvarez ás visitas escolares extraordinarias que vai acoller para conmemorar este día o martes 3 e o xoves 5 de abril, en horario de mañá.
Biblioteca de Galicia
O día 2 de abril, durante toda a xornada, a Biblioteca de Galicia agasallará a todas as persoas que se acheguen ata alí cunha publicación infantil. E o 8 de abril acollerá o obradoiro Poemas con chocolate, dirixido a mozas e mozos de 7 a 12 anos, no que aprenderán a combinar os seus poemas favoritos co chocolate que mellor lles acae. É unha actividade de balde, que precisa inscrición previa na web https://bibliotecadegalicia.xunta.gal/gl.
Mostras bibliográficas e espectáculos
Hans Christian Andersen e os contos clásicos son os protagonistas da maioría das mostras bibliográficas que amosan as bibliotecas durante o mes de abril, centradas no libro infantil e xuvenil. Así, na biblioteca de Santiago, a sala infantil acollerá unha exposición dos documentos que posúe a entidade relativos á figura e a obra do escritor danés. Pola súa banda, na Miguel González Garcés da Coruña, exhibirán unha mostra bibliográfica cos contos clásicos de Andersen e os irmáns Grimm e as versións posteriores desas obras. O mundo de Andersen e Contos con moito ritmo son os títulos das dúas mostras que acolle a biblioteca de Pontevedra, mentres que a de Vigo leva por nome Libros en palabras.
Os espectáculos son outra das eleccións das bibliotecas para conmemorar esta importante efeméride. O propio día 2 de abril, na Ánxel Casal, ás 18.30 horas, o salón de actos acolle Camiños, de Magín Blanco, unha mestura de música, teatro, poesía e contos pensada para un público familiar. A entrada é libre ata completar o aforo da sala. Na biblioteca da Coruña escolleron o espectáculo visual Redondo para o día 7 de abril, cunha proposta de Caramuxo, case sen palabras, para gozar en familia. Non precisa inscrición previa.
Esta programación especial con motivo do Día do Libro Infantil e Xuvenil pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda Cultura.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.